Gondomar súmase aos concellos que ofrecen axuda solidaria a Ucraína

O Concello de Gondomar súmase aos municipios que nas últimas horas ofrecéronse en Galicia para organizar puntos de recollida de axuda para o pobo de Ucraína así como a poñer a disposición vivendas para a acollida de posibles refuxiados que poidan chegar ata a comunidade autónoma.

O alcalde do municipio, Paco Ferreira, cualificou de “terrible e inconcibible a situación que estamos a vivir ante a invasión de Ucraína por parte de Rusia, algo que non nos podiamos nin imaxinar en pleno século XXI”, e sinala que “é agora onde as administracións deben demostrar que están aí, e Gondomar estará aí axudando na medida do posible”.

Por esta razón desde o departamento de Benestar Social coordinarase a recollida de produtos de primeira necesidade para facer chegar aos lugares onde sexan máis demandados.

Punto de recollida

O Centro de Desenvolvemento Local (CDL) establecerase como punto de recollida de todo o material que a veciñanza de Gondomar queira achegar, co seguinte horario: os luns de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e, de martes a venres en horario de mañá de 10:00 a 13:00 horas.

Produtos de hixiene, alimentos non perecedoiros (conservas e leites para bebés), mantas e roupa de abrigo, cueiros e medicamentos ( vendaxes, Betadine, alcol, xiringas, auga osixenada, antiquemaduras…) son os máis necesarios neste momento.

Para máis información poden chamar aos teléfonos 986360168-609587851 ou no correo ssocial@concellodegongomar.com.