
O Monumento “Encontro Entre Dous Mundos” acolleu este venres o acto oficial de apertura da XXVI Festa da Arribada, unha edición que será moi especial xa que se poderá celebrar despois de moito facerse esperar tras o COVID. Nun enclave privilexiado co Océano Atlántico como pano de fondo, Carlos Gómez, alcalde de Baiona, exerceu de anfitrión para destacar a importancia da cita nas relacións internacionais de España e América e a beleza da vila que cativa a visitantes. O rexedor baionés reivindicou que “Baiona esixe o seu lugar na historia con vocación aberta, asentada na súa historia pero vendo cara ao futuro”.
Así mesmo destacou que o obxectivo deste equipo de traballo é que a Festa da Arribada non se limite a unha celebración de fin de semana e que sexa unha celebración cun maior valor cultural e histórico co fin de que o evento non perda o significado co que se creou. “Necesitamos divulgar a importancia histórica e cultural de nosa Vila e non só durante a festa. Que todas as persoas que nos visitan saiban, con só pisar Baiona, que non somos un pobo máis, que somos un pobo cunha historia única e que de aquí partiron as novas que informaron o mundo da existencia dunha terra por coñecer. A Festa da Arribada non é un evento do Concello, é un evento do pobo de Baiona, no que veciños e veciñas son parte fundamental. O son hoxe e fórono sempre. A Arribada nos enorgullece xa que é unha celebración que naceu, creceu e consolidouse grazas á unión, esforzo e traballo de todo un pobo”.
Na quenda de intervencións continuou en segundo lugar o Alcalde de Santa Fe de la Vega de Granada, Manuel Alberto Gil Corral, ao que seguiu o Alcalde de Palos de la Frontera, Carmelo Romero Hernández. Tamén estaba presente a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que seguiu co seu discurso ao dos Alcaldes dos pobos irmáns, pechando o acto o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. A Banda de Música de Baiona puxo o punto e final coa interpretación dos himnos de Andalucía, Galicia e España. Ao acto tamén asistiron o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; así como a práctica totalidade da Corporación Municipal baionesa e outros rexedores da comarca. Tamén unha ampla representación dos pobos irmáns da Real Vila.
Os festexos xa comezaron este venres coa apertura do Real Mercado Medieval á primeira hora da mañá e a inauguración de varias exposicións. Tamén se celebrou unha Misa Solemne e comezaron a funcionar os campamentos que recrean a Baiona do ano 1493, cando a carabela “La Pinta” chegou coas novas do Novo Mundo.