A reactivación da actividade asistencial nos centros de saúde realizarase en catro fases

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, xunto coa directora de Atención Primaria, Elena Lorenzo, presentou hoxe aos responsables dos centros de saúde e coordinadores de área as liñas xerais para a reactivación da actividade deste nivel asistencial. Realizarase en 4 fases, que se irán desenvolvendo en función da evolución epidemiolóxica ata o próximo 15 de xuño, data que marcaría o inicio da última etapa.

Nas primeiras dúas fases seguirase mantendo a consulta telefónica como modelo de atención preferente, mentres que -tal e como se vén realizando ata a data- a consulta presencial será inducida polo médico de familia cando o considere necesario. Se algún paciente achégase ao seu centro de saúde directamente, sen ter contactado previamente por teléfono, se lle realizará unha triaxe para orientar a súa atención. Tamén seguirase potenciando a atención domiciliaria proactiva, TELEA, para os pacientes crónicos.

Consultas presenciais a demanda do paciente

O punto de inflexión nesta reactivación asistencial será a principios do mes xuño, que marca o inicio da Fase III. Nese momento se prevé iniciar as consultas presenciais a demanda, e implementar nas axendas ocos para aqueles actos sanitarios solicitados polos pacientes.

Neste senso, se recuperará tamén, de xeito paulatino, a carteira de servizos de todos os centros de saúde, revertendo a configuración organizativa actual con centros de referencia de atención ao Covid-19. Así, volverase a realizar de xeito xeneralizado aquelas probas e procedementos diagnósticos -que ata agora víñanse limitando a casos non demorables e excepcionais- como a Motorización Arterial (MAPA), electrocardiogramas, retinografías, cirurxía menor, etcétera.

Esta recuperación paulatina da actividade se desenvolverá baixo unha premisa xeral: evitar a concentración de persoas nas salas de espera dos centros, polo que a citación realizarase cunha cadencia que minimice as aglomeracións e garanta as condicións de seguridade. Así mesmo, se adoptarán as medidas de prevención e hixiene persoal necesarias tanto para os profesionais como para os usuarios.

Probas en 24 horas

En relación coas probas diagnósticas PCR, o xerente confirmou que vaise realizar un maior esforzo na detección precoz dos pacientes infectados co coronavirus, polo que estas probas se realizarán con maior celeridade.

Os médicos de familia seguirán indicando a realización dos PCR segundo os criterios clínicos -tal e como o veñen facendo ata a data- que se efectuarán en tan só 24 horas. Isto será posible polo apoio do CovidAuto do Meixoeiro e o reforzo dos equipos de extracción a domicilio da área.