
Con motivo da Festa da Arribada en Baiona, desde a asociación cultural 7ª Onda presentan a exposición AcercArte no seu local social de recente inauguración, a sala Fervello, nas galerías da rúa Carabela Pinta Nº19. Tamén instalarán un posto na Praza de Santa Liberata, á beira do campo de fútbol.
A exposición reúne obras de pintura, escultura, deseño, fotografía, arquitectura e audiovisuais de artistas da comarca. Contan con obradoiros de pintura para nenos e maiores, música en directo e proxeccións audiovisuais. Coa intención de achegar a arte e a cultura libre aos veciños e visitantes, presentan obras de gran calidade de artistas recoñecidos, e tamén reproducións ou obras máis sinxelas e alcanzables para o gran público.
A maior parte das actividades realizaranse na galería onde está o local, abertas ao público; outras en cambio serán só para socios no interior do Fervello.
Durante a Arribada, 7ª Onda fai unha oferta especial para inscribir novos socios por unha cota simbólica para poder ofrecerlles o acceso ao local social e usar as instalacións: o baño, taquilla e acceso a internet, e degustación dunha pequena oferta gastronómica realizada polos nosos mellores cociñeiros, así como outras sorpresas que prepararon.
A asociación cultural 7ª Onda nace no ano 2020 para organizar e promover actividades culturais de base no Val do Miñor. Algunhas destas actividades xa se realizaban desde hai tempo, tanto de maneira colectiva como individual, polos socios fundadores.