O Concello de Gondomar prepara as actividades centrais con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, o próximo 8 de marzo, que se desenvolverán na Praza Escolas Vellas -ante o antigo Centro de Saúde- onde se convocará unha concentración tras a que se lerá o manifesto oficial redactado para a xornada.
Este ano adiántase a convocatoria oficial ás 11:00 da mañá “e convidamos a toda a cidadanía a sumarse a ela para lembrar que a loita pola igualdade real é unha cuestión que debemos afrontar todos e todas unidos”. Tras este acto a concelleira de Igualdade e representantes municipais sumaranse á marcha organizada polas asociacións feministas do Val Miñor desde o centro de Gondomar ata a ponte da Ramallosa.
Escape room pola igualdade
Como en anos anteriores, a mocidade e a cativada convértense en protagonistas das actividades programadas “porque son eles e elas os que deben sementar os valores da igualdade para que perduren no tempo e cambie a tendencia actual”. Así nos institutos do municipio estanse a impartir obradoiros e charlas sobre o 8M e a loita pola defensa dos dereitos feminismos.
Os días 28 e 29 de marzo sumarase una nova actividade especificamente deseñada para os/as máis novos/as: “Estrelas”, un escape room, financiado con fondos do Pacto de Estado do Ministerio de Igualdade, e que terá como protagonistas ao alumnado de 5º de primaria dos CEIP de Gondomar. A través do escapismo deberán recuperar o fulgor dalgunha estrela feminina que por algún motivo cambiou o rumbo da historia, dando así luz a nomes como Isabel Zendal ou Maruja Mallo entre outras moitas.
Por último o departamento de Igualdade de Gondomar lembra que a loita e as reivindicacións deben prolongarse todo ano. Así, nos próximos días, abrirase o prazo de inscrición dunha nova convocatoria de formación online onde se abordarán cuestións como a educación para a diversidade, actuacións fronte ao acoso sexual ou a igualdade de oportunidade en actividades de lecer e tempo libre.

