A Xira Exploraterra 2022 xa arribou a Baiona e desde este mércores e ata o próximo domingo estarán no Peirao do Porto Deportivo de Baiona dúas réplicas dos barcos históricos máis importantes da nosa historia marítima, profundamente ligados á localidade e ao coñecemento dun novo continente, América. A Carabela Pinta compartirá protagonismo esta fin de semana coa Nao Santa María e a Carabela Vera Cruz. Ambas as dúas naves poderanse visitar de forma gratuíta.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, presidiron a recepción da xira de barcos históricos do proxecto europeo Exploraterra, unha iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, que conta coa participación da Xunta de Galicia e o Concello de Baiona entre outras institucións, co obxectivo de poñer en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento. O acto tivo lugar na cuberta principal das embarcacións e contou coa presenza dos capitáns e a tripulación de ambos os dous navíos, ademais doutros membros da Corporación do Concello de Baiona.
A directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico”. E neste contexto, avogou por impulsar a súa divulgación como atractivo cultural e turístico. Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural destinada a promover diferentes accións entre as que se inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital con ferramentas TIC na Casa da Navegación e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.
Pola súa banda, Carlos Gómez resaltou a “importancia de apoiar iniciativas como esta que engrandecen o nome de Baiona e difunde os valores históricos da nosa localidade pero tamén a súa vixencia”, facendo un paralelismo para asegurar que “os baioneses e baionesas somos o produto da nosa valentía, de noso empuxe, compromiso e ambicións que nos impulsaron a abrir fronteiras e horizontes para mellorar as nosas potencialidades”. Para o alcalde, a cidadanía baionesa leva dentro ese espírito mariñeiro que deu paso á globalización, por iso, insistiu en que “temos que deixar de ver á localidade e o seu porto como dous entes independentes, senón como o que é, un todo que nos fai fortes e capaces como xa o foron fan cinco séculos e ese é o noso reto como cidadáns e cidadás e como administracións públicas ou privadas”.
O rexedor agradeceu á Fundación Nao Victoria a presenza da recreación destas embarcacións históricas en Baiona nunha data tan especial como o é esta primeira Arribada da era Covid e lembrou que o porto baionés ten unha gran historia, vinculada á Xesta Colombina, un presente cargado de proxectos e un futuro bastante prometedor. Así mesmo, tanto o mandatorio baionés como a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fixeron un chamamento aos baioneses, baionesas e persoas visitantes para que apoien esta iniciativa visitando as naves.
Visitas de balde
A Xira Exploraterra 2022 estará en Baiona representada polas réplicas da Nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz, que permanecerán atracadas no porto deportivo ata o 6 de marzo. O público terá así a oportunidade de visitar de balde ambos os dous navíos, coincidindo coa celebración da Festa da Arribada, en horario ininterrompido de 10:00 a 18:00 horas.
“A presenza estes días destas históricas embarcacións súmase ao atractivo da celebración da Festa da Arribada, facendo de Baiona un punto de encontro imprescindible durante estes días”, explicou Nava Castro, quen destacou a contribución deste proxecto ao impulso turístico da vila.
“Exploraterra inclúe un ambicioso programa cultural” que, dixo, “permítenos afondar nas grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia, e compartir unha herdanza común con algunhas das nosas rexións irmáns”. Fixo así un chamamento a aproveitar esta identidade conxunta desde o punto de vista histórico, cultural, xeográfico e etnográfico que hoxe representa este proxecto Exploraterra, convertido nun “atractivo excepcional polo seu gran potencial de aproveitamento cultural e turístico”, concluíu.

