Naviera Mar de Ons realizará saídas en barco para a Festa da Arribada

Naviera Mar de Ons realizará o servizo de transporte marítimo que vén sendo habitual nestas datas con motivo da celebración da Festa da Arribada de Baiona. Durante os días 5 e 6 de marzo, sábado e domingo respectivamente, a navieira realizará viaxes a Baiona desde os portos de Cangas, Vigo e Panxón. Naviera Mar de Ons móstrase moi satisfeita en poder volver retomar este servizo especial que cada ano pon en marcha con motivo desta famosa celebración xa que o ano pasado non puido ofrecerse debido á pandemia. “Con este, son 20 anos ofrecendo este servizo en colaboración co Concello de Baiona que ten por obxectivo reducir o volume de tráfico que se xera na vila durante a celebración desta importante festa, declarada de interese turístico internacional. Estamos moi contentos de volver ofrecer este servizo para que os interesados poidan gozar comodamente dunha das celebracións con máis arraigamento na zona chegando en barco do mesmo xeito que o fixo no seu día Martín Alonso Pinzón”, indica Silvia Torres, responsable comercial da navieira.

O transporte marítimo permite facilitar o acceso a Baiona evitando ademais os problemas de aparcamento, sendo todo un éxito este servizo de transporte entre os visitantes que se achegan desde diferentes puntos da Ría de Vigo que escollen o barco como alternativa a outros medios de transporte.

O prezo para os billetes de adulto ida e volta será de 7,50€ desde os portos de Cangas e Vigo, e de 5€ para os nenos entre 4 e 12 anos. Os billetes de adulto con saídas desde o porto de Panxón, serán de 5€, ida e volta, sendo de 4€ os billetes para os nenos entre 4 e 12 anos. Desde calquera porto os nenos (0-3 anos) viaxarán gratis.

A venda de billetes está xa dispoñible a través da páxina web de Mar de Ons http://www.mardeons.com. A navieira recomenda a todos os interesados que consulten as redes sociais para calquera novidade e reserven na web da navieira para coñecer en tempo real os horarios dispoñibles e portos de saída con destino a Baiona e deste xeito non quedar sen praza.