EU e Podemos Nigrán solicitan a convocatoria do Consello Sectorial do PXOM

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Consello Sectorial de febreiro no que se tratou a modificación das normas.

A agrupación local de Esquerda Unida e o Círculo de Podemos en Nigrán veñen de solicitar ao Goberno Local a convocatoria do Consello Sectorial do PXOM para que se informe do estado de tramitación do documento, así como das modificacións realizadas no proxecto para adaptalo ás esixencias dos informes da Xunta de Galicia.

Cómpre destacar que o alcalde de Nigrán nunha recente entrevista sinalou que “estamos a un só informe para que sexa favorable e se todo vai ben a súa aprobación provisional levarase a cabo en breve”. Sen embargo, que se saiba o único informe favorable que ten o PXOM é o de Portos de Galicia, xa que o informe da Axencia Galega de Infraestruturas emitido en decembro de 2021 é desfavorable, descoñecéndose como está a tramitación ante Augas de Galicia.

“Hai que destacar que no informe da Axencia Galega de Infraestruturas sinálase, entre outras cuestións, que por parte do concello se propoñen uns viarios lonxitudinais paralelos á estrada PO-552 polo leste e o oeste desta, sen que a veciñanza coñeza o seu trazado e as súas afeccións”, advirte José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán.

Por outra parte, Cuevas sinala que “o regulamento do Consello Sectorial de Nigrán establece que debe ser convocado cada dous meses, non sendo convocado neste mandato”, para continuar dicindo que “as únicas veces que o goberno informou do PXOM foi cando desde a corporación lle esixiamos transparencia. Está claro que nesta corporación, cun goberno sen oposición, o goberno non necesita ser transparente, mostrando a súa faciana de opacidade na tramitación do PXOM”, finaliza Cuevas.