Preto de 800 escolares desfilan polas rúas de Gondomar para celebrar o Entroido

Preto de 800 alumnos e alumnas do CEIP Chano Piñeiro, IES Auga da Laxe e Terra de Turonio participaron este venres no Entroido Escolar de Gondomar, toda unha tradición xa no municipio. Tras xuntarse na chaira do Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, o desfile comezou cara a Avda. Diego Sarmiento de Acuña, para coller cara á rúa Elduayen e desprazarse ata a Praza da Paradela, para seguir pola rúa Párroco Mariño e xirar en Manuel Losada dirección a Eduardo Iglesias, transversal á rúa Diego Sarmiento e de novo a chaira do Pavillón Municipal. Os nenos e nenas mostraron así os seus disfraces, confeccionados en clase para a ocasión, así como as coreografías creadas e moi pegadas á actualidade social e musical do momento.

Desfile de Entroido

Tras dous anos de ausencia, o vindeiro domingo ás 16:30 horas arrancará o desfile de comparsas, que este ano non competirán entre elas e percibirán unha axuda económica pola súa presenza. Están rexistradas un total de 9 agrupacións, que cos seus traxes de cores, ritmos, músicas e alegría levarán ao municipio temáticas diferentes que van desde as fábricas de xoguetes ás carreiras de fórmula un pasando polo mundo azteca ou a conxunción dos entroidos máis tradicionais do mundo nunha mesma comparsa.

O alcalde Paco Ferreira agradece a aposta das asociacións por sumarse a este desfile no ano no que perde a súa condición de concurso, prestándose axudas económicas aos participantes que oscilan entre os 250 e os 400 euros para as agrupacións que desfilen sen carrozas, dependendo o importe final do número de integrantes. No caso de que vaian acompañadas por carroza, entendéndose por ela a plataforma decorada arrastrada por un vehículo de motor, os premios oscilarán entre os 400 e 550 euros. Cada carroza a maiores que se some á comparsa recibirá unha axuda de 100 euros.