A Arribada volve con tres días de actividades tras un ano sen festa

Baiona presentou este venres a Festa da Arribada 2022, coa que conmemorará o 529 aniversario da chegada da Carabela Pinta. “Pasaron 730 días desde a última Arribada e estamos ansiosos de recibir esta nova edición que vén cargada de moitas novidades”, comezou dicindo Miriam Costas, concelleira de Cultura. Tres días completos de actividades previstas para o 4, 5 e 6 de marzo, nos que a Vila de Baiona transfórmase nun burgo medieval coa algarabía de mercadores e comerciantes, de artesáns, trobadores e xograres, cun sen fin de actividades lúdicas e recreativas que o Concello de Baiona pon ao alcance de todos, “facéndonos sentir protagonistas e celebrando un dos capítulos históricos máis gloriosos da Real Vila de Baiona”.

Tras a proxección do vídeo oficial da festa, elaborado por Cristina Grande de Espazo Nó!, presentouse outra das grandes novidades desta edición, a mascota oficial de Baiona, “O Boi Xulián”, “unha personaxe que chega para quedarse”, afirmou a concelleira, que destacou que “será un nexo de unión entre a xente miúda e a historia da vila de Baiona, unha ferramenta coa que divulgar a importancia de Baiona na historia universal e fomentar o amor pola nosa contorna, a través de diferentes accións e contidos culturais. Xulián creará un espazo común de encontro para as familias, combinando o divertimento coa aprendizaxe e invitando ao crecemento artístico e cultural de todas e todos os rapaces”.

Nesta edición da Festa da Arribada, o Concello de Baiona quixo priorizar a seguridade buscando situacións amplas e o espazo. O balance das inscricións dos postos son as seguintes: 44 tenderetes do Concello, de venda de artesanía, que irán asentados na rúa Carabela Pinta; 53 postos propios de comida e artesanía situados na rúa Marqués de Quintanar e Santa Liberata; 24 postos de establecementos da Vila que ocupan a fachada no seu propio negocio; 8 Asociacións Gremiais asentadas en Santa Liberata e 5 Paradas dos Pobos Irmáns (Palos de la Frontera, Santa Fe de la Vega de Granada, Pornic, Cuba e Baiona), todos eles con produtos típicos das súas zonas. En total unhas 134 solicitudes de ocupación de vía pública que foron tramitadas e autorizadas pola organización do Real Mercado Medieval da Arribada 2022.

Como arranque da Festa, o venres 4, festivo local en Baiona, haberá na Praia Ribeira tras a presentación de “Entre dous Mundos co Boi Xulián”, o espectáculo máxico de lume e pirotecnia “Suaren Bataila”, con malabarismos de lume, danzas e acrobacias aéreas, que transportarán ao público ao misterioso mundo das meigas.

Continuarán as actividades que tanto éxito tiveron nas Arribada pasadas: a Alameda dos Aprendices, onde os máis pequenos farán gravados de madeira, orfebrería, cerámica, repuxado de coiro, repostería, escritura gótica, acuñación de moedas, bordados e costura, tapices de época, lacrado, etc. Nos xardíns da biblioteca os máis pequenos terán o espectáculo teatral “A Cabaleira”, tanto de mañá coma de tarde o sábado e o domingo. Nesta edición ademais dos xogos que tanto gustan ás nenas e nenos haberá espectáculos que leven aos máis pequenos pola historia.

Este ano poderán visitarse as exposicións temáticas “Os Guerreiros de Pedra” de Francisco Pazos no Paseo Ribeira, “Os espazos de vida dos pobos prehispánicos de mesoamérica” de La Fiesta Escénica no Parque da Palma, e “Da barreira ao forno”, na Capitanía Marítima, mostra etnográfica de olería tradicional de Galicia, da colección particular de Anxo Rodríguez Lemos. Veciños e visitantes poderán gozar tamén das mostras de “Encaixes de Bolillos” e as “Labores de Calceta” no Viveiro de Empresas asentado na Casa do Reloxo.

Coincidindo coa Festa da Arribada chegará a Baiona a “Xira Exploraterra”, co atraque no Porto Deportivo de Baiona da Nao Santa María e da Carabela Veracruz, que poderán ser visitadas desde o 2 ata o 6 de marzo, ambos os dous días incluídos.

Non faltarán os pasarrúas itinerantes polo casco de “Trovadores e Zancudos” a cargo de Troula Animación, “A Marioneta” do grupo portugués Malatitsch, “Dolmen” de Pablo Méndez Performance, A Seneira, Bloquinho Aperta, a Xusta Medieval, o Tiro con Arco, a Contenda de Esgrima, o Desafío Medieval, o Adestramento de Cabaleiros, as Atraccións Medievais e os puzzles de madeira con xogos tradicionais de toda a vida.

Finalmente, a representación do feito histórico, na “Arribada do Descubrimento”, obra escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, cun reparto de actores e figurantes coa dificultade que ten o feito de representala en directo no mesmo escenario que fai 529 anos.

Tras a concelleira de Cultura tomou a palabra o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña, que destacou que o tecido empresarial acolleu a nova da celebración da Arribada “con moita ilusión”. “Desde o primeiro momento puxéronse a traballar con esmero para que a festa sexa unha celebración exitosa tendo en conta os cambios loxísticos ocasionais debidos ás circunstancias do momento”. Así mesmo, agradeceu a decisión do alcalde, Carlos Gómez, entendendo como el “que é necesario seguir adiante con todas e cada unha das iniciativas, proxectos, desenvolvemento cultural e turístico da nosa vila”. Finalmente, agradeceu a todos os veciños, colectivos, funcionarios municipais e a todos aqueles que fan que esta festa sexa un referente internacional.

Pechou a quenda de intervencións o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, asegurando que “a aposta pola súa celebración atende a un desexo de manter vivo o espírito da Arribada adaptándonos aos tempos que nos tocaron vivir e sempre tendo como pano de fondo a seguridade sanitaria”. “Percorrer calquera rúa do noso casco neses días de celebración é esa aventura que toca tantas teclas da alma humana que fai que nos traslademos ao medievo e que nos convenzamos da beleza de vivir. A arte da beleza de vivir e de compartir. Viaxar vacina contra a intolerancia e a cobiza daqueles que pensan que o seu non pode ser compartido con ninguén. Baiona é todo o contrario: a súa historia, o seu presente e sobre todo o seu futuro é unha exaltación da vida”.

Para finalizar, os asistentes puideron degustar os doces típicos da Festa da Arribada, “Os Ñoclos de Pinzón” de Rosita Cristaleiro, as “Tartas de Sarmiento” de Tupana Obrador e “Os Panizos Indios” de Panadería Yajoma.

PROGRAMA FESTA DA ARRIBADA 2022