O Concello de Baiona agradece á Academia Royal Celtic Bay e á súa directora, Loreto Valenzuela Leyenda, a colaboración desinteresada que dende o ano pasado presta para dar formación a dúas mozas do municipio que están bolsadas pola academia para este curso escolar. Coñecedor do bo aproveitamento desta iniciativa, que xurdiu da citada academia e que se leva a cabo en colaboración co Servizo de Educación e Apoio Familiar, do departamento de Servizos Sociais, o Alcalde, Carlos Gómez, felicita ás bolseiras e tende a man a cantas iniciativas outorguen oportunidades aos mozos e mozas do municipio.
Un curso académico así como a correspondente realización do exame grao B1 de inglés, é a bolsa que puxo en marcha este curso escolar por primeira vez o goberno local en colaboración coa academia local Royal Celtic Bay, con Loreto Valenzuela Leyenda á fronte. O proxecto está dirixido ao alumnado que proceda de familias sen os recursos suficientes “para que estuden o idioma”.
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Conchy Vara, rubricou un convenio de colaboración coa academia local, Centro Examinador de Referencia do Inglés do Trinity College London. Este proxecto pioneiro ten como obxectivo o acceso ao estudo do idioma inglés da cidadanía. Consciente de que o coñecemento do inglés converteuse nunha ferramenta fundamental para atopar emprego, creouse este novo capítulo de bolsas, que ten como finalidade fomentar o nivel de coñecemento da lingua inglesa.

