Podemos Nigrán comeza unha rolda de reunións coas agrupacións feministas e a veciñanza

No día de onte Podemos Nigrán comezou unha rolda de reunións coa sociedade civil e diversas asociacións do municipio tendo como fin último unha reunión coas diferentes agrupacións políticas co obxectivo de defender de forma conxunta a equidade e o empoderamento do colectivo feminino no municipio.

Nestas reunións queren debater e recoller diferentes propostas de cara ao 8 de marzo, pero cunha visión a longo prazo e que non caian en saco roto de non ser aprobadas polo Goberno local, sendo deste xeito recollidas para o seu programa electoral de cara ás municipais de 2023. Queren convidar a que todas aquelas persoas con inquedanzas contacten co seu círculo a través de redes sociais ou mesmo por correo electrónico.

Algunhas das súas propostas son, en primeiro lugar, a creación dun Consello Municipal da Muller, achegando deste xeito a labor institucional á cidadanía e favorecendo a participación das mulleres de Nigrán para darlles voz en primeira persoa e coñecer de primeira man as súas reivindicacións e necesidades. E en segundo lugar, como conclusión da primeira xuntanza coa Asociación feminista da comarca Area Loura, a solicitude da elaboración dun Plan de Igualdade Municipal realista e ambicioso.