Correos dedica unha postal á Festa da Arribada de Baiona

O Concello de Baiona, a través do departamento de Turismo, e a oficina de Correos da localidade, traballaron unidos para lograr unha campaña que servirá para promocionar a Real Vila como destino turístico a través dunha serie de postais. A primeira delas foi presentada esta mañá polo Alcalde, Carlos Gómez, e polo director da oficina de Correos da localidade, Carlos Meijome. Trátase dunha postal promocional da “XXVI Festa da Arribada”, realizada para conmemorar o 529 Aniversario da Arribada da Carabela La Pinta ao municipio.

O obxectivo desta emisión de 400 unidades é a promoción e difusión dun evento histórico que sitúa ao Concello de Baiona como un dos referentes turísticos por excelencia, no que o enorme valor histórico e monumental da vila conxúgase á perfección cunha oferta de servizos inmellorable. A tarxeta postal, emitida polo Concello de Baiona, está prefranqueada coa tarifa A de envíos nacionais, para que poida viaxar facilmente a través da rede postal podendo ser depositada en calquera Caixa de Correos ou Oficina de Correos sen custo adicional.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, detallou que “a postal se compón da imaxe corporativa da Arribada 2022 na portada, e no reverso, aparece un código QR que permite visualizar o anuncio promocional da festa. A postal dispón do franqueo postal incluído co cal o envío da mesma será gratuíto. Esta iniciativa pretende poñer en valor tanto a importancia desta festa, declarada de interese turístico internacional, como do feito histórico que conmemora, e dalos a coñecer en todo o territorio nacional e que sirva como foco de atracción turística tanto a próximas edicións da Festa como a Baiona como destino vacacional”.

Tamén destacou que se trata de “unha importante iniciativa promocional da localidade” e que esta primeira postal dedicada á Festa da Arribada forma parte dunha “campaña” máis ampla que se completará con outras postais que se darán a coñecer ao longo deste ano. Gómez destacou “o amplo retorno publicitario que terá o envío destas postais”. Por todo iso, o mandatario quixo aproveitar a presentación para trasladar a súa gratitude á entidade Correos así como á oficina da localidade e ao seu director, Carlos Meijome Juiz, polo seu traballo e por apostar por Baiona e dar a coñecer deste xeito os seus atractivos.

As postais repartiranse, de forma gratuíta, na oficina de turismo de Baiona a partir do venres, 4 de marzo, día de comezo da Festa da Arribada.