Sin categoría

A primeira etapa de O Gran Camiño pasa por Baiona e Nigrán

Tras meses de traballo e organización, O Gran Camiño está listo para arrancar. Este xoves, día 24, Galicia recuperará, tras dúas décadas, unha rolda propia profesional con inicio e fin no seu territorio, dedicada en exclusiva ao seu terreo e que traerá a equipos internacionais de primeiro nivel e grandes nomes do ciclismo á comunidade. Serán catro días de puro ciclismo e espectáculo a través da xeografía galega.

Co punto de saída no Porriño, os corredores rodarán por máis de medio milleiro de quilómetros a través de 45 concellos das catro provincias galegas vestindo as cores de equipos de distintas partes do planeta, unha repercusión internacional e un desprazamento de persoal que suporá en Galicia a pernoita dunhas 500 persoas cada día.

A carreira arrancará na provincia de Pontevedra, para pasar logo á Coruña e a Ourense, onde será a etapa reina. Para concluír, os ciclistas rodarán en Lugo, transitando o máis importante dos camiños a Santiago, a vía francesa. No seu percorrido, ademais de mostrar a diversidade das paisaxes galegas –cidade, rural, interior, montaña, mar ou ríos-, O Gran Camiño pasará por algúns dos fitos culturais, patrimoniais ou paisaxísticos da Comunidade e polas distintas vías de peregrinación a Compostela. Porque toda Galicia ten Camiño, e Galicia é, en si mesma, un Gran Camiño.

A primeira das etapas, este xoves, 24 de febreiro, percorrerá algo máis de 163 quilómetros entre O Porriño e Vigo, a maior cidade de Galicia, que será tamén a primeira meta de O Gran Camiño. Ademais de reservarse a primeira xornada, Pontevedra é berce de catro dos cinco ciclistas profesionais galegos que estarán na cita.

Será unha etapa chaira no seu maior parte, na que, a 23 quilómetros de meta, os corredores subirán a Peinador (3ª cat), antes de chegar ao sprint ao mesmo centro de Vigo. Nela, a volta pasará por municipios de forte vinculación ciclista, como Ponteareas, e por tramos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués pola costa.

En concreto, os municipios polos que pasará o pelotón serán O Porriño, Ponteareas, As Neves, Salvaterra do Miño, Salceda de Caselas, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela.

Final no Mirador do Ézaro

O “olimpo ciclista” de Ézaro, absolutamente soado neste deporte, tamén estará en O Gran Camiño, como non podía ser doutra maneira. Será na segunda etapa, o venres 25 de febreiro, que se estenderá 177 quilómetros entre Bertamiráns, no municipio de Ames, e Dumbría, concretamente no Miradoiro de Ézaro.

Esta etapa permitirá gozar de fermosos enclaves de interior, como o simbólico paso por Pontemaceira, e mostrará de maneira especial a Costa da Morte, pola que transitará en toda a súa última parte, xunto á esencia máis auténtica da costa galega.

Nun periplo que pasará por Ames, Teo, Santiago, Negreira, A Baña, Santa Comba, Coristanco, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía, Cee e Dumbría, a proba rodará polo Camiño de Fisterra e Muxía.

Etapa raíña co Miño e o Sil como protagonistas

A terceira xornada, o sábado 26 de febreiro, será a “etapa raíña”, un percorrido pola provincia de Ourense no que, aínda que destacará a dureza da montaña, terá como protagonistas ao río “pai”, o Miño, e ao Sil, cos fermosos canóns da Ribeira Sacra.

Serán algo máis de 148 quilómetros entre Maceda e Luíntra, en Nogueira de Ramuín, pasando por Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia, Sandiás, Allariz, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Ourense, Pereiro de Aguiar, Pantón e A Peroxa.

Esta etapa sairá dunha emerxente escola do ciclismo galego, con nomes como Carlos Canal, que tomará a saída. Chaira e de trazado fácil nos seus primeiros 100 quilómetros, permitirá observar a beleza da Galicia interior, co río Miño como guía, e dará paso despois a un final explosivo e duro que, en 55 quilómetros, decidirá a proba.

Tres portos encadeados e sen descanso de subida nin de baixada levarán aos corredores ao Alto de Moura, de primeira categoría, que decidirá o final coroando apenas a dous quilómetros de meta. Nesta zona, unha vez máis, será un río o protagonista, neste caso o Sil, coa espectacularidade do seu canón como pano de fondo.

No medio desta terra de montaña e auga, os ciclistas tampouco abandonarán a súa especial “peregrinación”, transitando por tramos da Vía da Prata.

Camiño Francés, orixe e final

A principal vía de peregrinación a Santiago, a “Vía Francígena”, así como a localidade que ve iniciar o roteiro a un maior número de peregrinos, Sarria, serán as protagonistas da cuarta e última etapa, o 27 de febreiro, que recalará na provincia de Lugo.

O final de O Gran Camiño será unha contrarreloxo polo Concello de Sarria con dúas zonas 100% rodadoras ao comezo e ao final, así como unha zona intermedia e algo máis crebada por estradas secundarias. Nos últimos sete quilómetros, a proba transcorrerá integramente polo Camiño Francés, con final no icónico casco antigo de Sarria, coa súa continua trasfega de peregrinos.

Retransmisión internacional

Esta proba, o maior evento ciclista que acollerá a comunidade este ano, é posible grazas ao esforzo e á unión da iniciativa privada e a pública, dado que conta co apoio das cinco principais institucións galegas, a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, que sumaron esforzos para remar en beneficio dun evento que será un gran revulsivo para a Comunidade en todos os niveis.

Con el, ademais de gozar nas estradas do espectáculo ciclista, promoveranse os valores deportivos, os principios dunha vida sa, a mobilidade sostible e, por encima de todo, os recursos turísticos galegos, para os que O Gran Camiño será unha xanela, un escaparate, ao mundo.

Para estender o espectáculo a todos os fogares posibles, O Gran Camiño será retransmitida a nivel galego e internacional por dous grandes da televisión, TVG e Eurosport, En concreto, poderá seguirse o xoves e venres desde as 13:30 ata as 15:30, o sábado de 15:30 a 18:00 horas e o domingo de 13:00 a 15:00. Ademais, tamén contará con seguimento a través da web de O Gran Camiño (www.ograncamino.gal).

Pero non só iso. Desde a organización, animan a todos os afeccionados a gozar da rolda desde as estradas, animando aos corredores e aproveitando o bo tempo. No rutómetro de cada etapa, na web oficial, pode consultarse os horarios estimados de paso por cada municipio.