
Correos avanza no seu proceso de diversificación da oferta nas súas oficinas, máis aló dos servizos de admisión e entrega, coa incorporación de novos produtos e servizos cuxa demanda segue crecendo, especialmente no seu obxectivo de achegar a Administración a cidadáns e empresas.
Durante os dous últimos anos materializáronse novos convenios de colaboración para ofertar produtos e servizos que faciliten a vida á cidadanía. Así, xunto ao servizo de Oficina de Rexistro Virtual de Entidades (ORVE), onde o cidadán pode intercambiar documentos dixitalizados con diferentes organismos da Administración Pública, incorporáronse numerosos trámites de distintas entidades públicas e privadas, tales como o pago de tributos, taxas e recibos, así como de subministracións de auga e luz, entre outros.
En 2021 realizáronse preto de 334.000 operacións con diversas entidades públicas e empresas de servizos, o que pon de manifesto o potencial das oficinas de Correos, que durante o pasado ano recibiron máis de 89 millóns de visitas.
Punto de acceso á Administración
As 2.370 oficinas da rede de Correos, xunto a outros puntos de atención a cidadáns e empresas, ofrecen o servizo de Oficina de Rexistro Virtual Electrónico (ORVE), que permite o acceso ao rexistro virtual de documentos dirixidos a calquera administración pública adherida.
Correos, que se converte nun punto de acceso á Administración, encárgase de transmitir a documentación presentada, deixando constancia da entrada dos documentos na aplicación de rexistro e remitíndoos á Unidade da Administración competente, en cumprimento do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGDP).
Actualmente, é posible acceder ao rexistro oficial de concellos, universidades, departamentos de Comunidades Autónomas ou da Seguridade Social, para enviar documentación con plena validez desde as oficinas da empresa loxística. O pasado ano realizáronse 188.944 operacións deste tipo.
Pago de tributos, taxas e recibos
Correos tamén puxo en marcha novos acordos de colaboración e convenios con distintos organismos públicos para facilitar aos cidadáns o pago dos seus tributos, taxas e impostos nas oficinas de Correos, grazas ao servizo Correos Pay, co que tamén se poden pagar os recibos das subministracións de empresas de enerxía e auga nos puntos de atención da compañía loxística.
Ao longo de 2021 incorporáronse 39 administracións públicas e outras 13 empresas encargadas da xestión tributaria das distintas entidades locais e deputacións. O pasado ano realizáronse 145.000 operacións de pago de tributos, taxas e impostos a través das oficinas de Correos.
Actualmente a compañía mantén acordos con distintas Axencias Tributarias, tales como Andalucía, Cataluña, Valencia e Castela a Mancha, ou as deputacións provinciais de Zaragoza, Soria, Ávila, Almería, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense. A estes súmanse o convenio asinado co Goberno de A Rioxa, os acordos marco coas Comunidades Autónomas de Aragón e Estremadura, as colaboracións cun total de 68 concellos e contratos con 28 empresas encargadas da xestión de tributos de distintas entidades locais de toda España.
Correos Pay, que xa está dispoñible en calquera das oficinas da rede de Correos, tamén se empezou a prestar no ámbito rural a través dos carteiros rurais por medio dos novos dispositivos PDAs. E a compañía está a negociar a súa integración nun novo “Portal de Servizos ao Cidadán” con distintas administracións, entre elas as Axencias Tributarias de Andalucía, e Cataluña, para realizar autoliquidacións e para o pago de distintos tributos.
Así mesmo, cabe destacar o convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, que permite a adquisición de distintivos ambientais ou a obtención dos duplicados de permisos de circulación, entro outros trámites. O pasado ano realizáronse máis de 346.000 operacións da DXT a través de Correos.