“A fábrica dos xoguetes” gaña o concurso de comparsas de Baiona

Baiona celebrou este sábado unha dobre xornada co Desfile de Comparsas e o Enterro da Sardiña. As 11 comparsas participantes chegadas de Vigo, Gondomar, Nigrán, Redondela, Mos e Tomiño, que sumaban máis de 650 compoñentes, comezaron o desfile ás 18:00 horas desde Sabarís, percorrendo Santa Marta, a Avenida Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen ata chegar á Avda. de Ramón e Cajal, acompañadas polo grupo de batucada Bate no Cobre.

Seguidamente, iniciouse o Enterro da Sardiña, partindo desde a Praza do Concello para facer un percorrido polas rúas Ventura Misa e Elduayen ata a Praia Ribeira, onde tivo lugar o enterro. Todo iso acompañado pola música da Charanga Va K Pinta.

Tras a queima da sardiña, e tras a deliberación do xurado, integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., que valorou entre outros aspectos o vestiario, máscaras, maquillaxes, ect. acomodados á temática representada; a orixinalidade, enxeño, caracterización, instrumentacións, ect.; a actitude no desfile acorde co motivo na exhibición; a calidade e creatividade na exhibición; e o número de compoñentes da comparsa, procedeuse á entrega de premios ás gañadoras.

O primeiro premio, de 900 euros, foi para a Asociación Os da Casa de San Andrés de Comesaña, con “A Fábrica de Xoguetes”. O segundo, de 650 euros, recaeu na comparsa “Queimando Roda” da Asociación O Millor de Cada Casa de Vincios. Os 500 euros do terceiro premio foron para a Asociación Os Festeiros de Bembrive con “Disco Festeiros”. A Escola de Baile LDanzia de Gondomar conseguiu o cuarto premio, de 400 euros, con “LDanzteka”. E o quinto, de 300 euros, recaeu na comparsa “As Catro Estacións” da Asociación de Veciños A Nosa Terra de Pereiras.

As demais comparsas participantes, “Vall-Gym” do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, “O Conto da Criada” do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, “Misturando Raíces” de Comparsa Furafollas, “Dominó” do Centro Cultural Parada de Miñor, “Un Paseo por Venecia” de Comparsa Os Choqueiros de Redondela e “O Circo” da Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño, recibiron unha cantidade que varía dependendo do número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (300 euros), de 61 a 80 (250), de 41 a 60 (200), de 21 a 40 (150) e de 12 a 20 compoñentes (100).



El pase de diapositivas requiere JavaScript.