Vithas Vigo abre as súas novas Urxencias, máis accesibles, resolutivas e confortables

O Hospital Vithas Vigo conta cunhas novas Urxencias, completamente renovadas que foron inauguradas este xoves por representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, o director corporativo de Asistencia Calidade e Innovación de Vithas, doutor David Baulenas, e o xerente do hospital, o doutor Ciro Cabezas. Estas novas dependencias son, en palabras do xerente de Vithas Vigo, “a punta do iceberg dun novo concepto de atención sanitaria máis accesible, resolutiva, confortable e rápida adaptada ás necesidades e expectativas dos pacientes”.

Ao acto inaugural asistiron, tamén, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o secretario xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto; así como a concelleira de Economía e Empresa do Concello de Vigo, a ex ministra Elena Espinosa, que acudiu en representación do alcalde. Tamén estiveron presentes a directora corporativa de Experiencia Paciente de Vithas, María José Basanta Felpeto, e os profesionais do servizo de Urxencias do Hospital Vithas Vigo, que non estaban de quenda nese momento, encabezados pola súa coordinadora, a doutora Idoya Sanluis Fernández.

As novas urxencias de Vithas Vigo incrementan nun 60 por cento os postos de atención aos pacientes adultos e nun 300 por cento a superficie destinada a urxencias pediátricas. Ao mesmo tempo, diferéncianse máis os espazos de urxencias de adultos e pediátricos e refórzase a accesibilidade ao servizo e desde este ao resto do hospital. A reforma das instalacións supuxo un investimento de 1.200.000 euros.

Entre as novidades, destacan o acceso gratuíto ao aparcadoiro interno do Hospital Vithas Vigo para pacientes de Urxencias Pediátricas e de Adultos, a través da APP de Vithas; maiores cotas de confortabilidade dos acompañantes; salas de espera hiperconectadas; unha consulta para un rápido diagnóstico ambulatorio, así como consultas específicas para triaxe, para accidentados de tráfico e un box específico para recuperación cardio-pulmonar.

O novo modelo asistencial permite identificar máis claramente o motivo de consulta; manter criterios uniformes ante a información facilitada polos pacientes e acompañantes, que poderán ter máis información sobre o funcionamento do servizo e os pasos previstos para cada caso; e permitirá que todos os pacientes que non ingresen no Hospital saian con cita co especialista que seguirá o seu caso, se fose necesario.

Ampla carteira de servizos

Durante a súa intervención, o xerente do hospital, Dr. Ciro Cabezas, destacou que Vithas Vigo “é o único hospital privado de Galicia que conta cun servizo de hemodinámica as 24 horas do día, os 365 días do ano”; e, ofrece atención especializada en Urxencias en todas as especialidades médico-asistenciais do hospital, ademais de contar co apoio de servizos complementarios como laboratorio, diagnóstico por imaxe, e Unidade de Coidados Intensivos.

Pola súa banda, o director corporativo de Asistencia, Calidade e Innovación de Vithas, Dr. David Baulenas, mostrou o seu convencemento de que este novo modelo de asistencia sanitaria máis accesible, resolutivo e humano, “vai máis aló da calidade asistencial dos nosos profesionais, que son os mellores do sur de Galicia”; e indicou que as novas Urxencias de Vigo “son unha mancha de aceite que se vai a ir estendendo por todos os hospitais Vithas”. Nesta liña, mostrouse disposto a continuar avanzando no desenvolvemento dun modelo asistencial propio.

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, interveu no acto para felicitar a Vithas pola súa colaboración e lembrou a colaboración entre a sanidade pública e a privada á hora de afrontar a recente pandemia. “A coordinación foi moi boa e é ese o camiño que debemos de seguir sempre”, indicou a representante do Goberno galego na área de Vigo.

Pola súa banda, en nome do alcalde de Vigo -que escusou a súa presenza a última hora debido a problemas de axenda-, interveu a concelleira de Economía e Empresa, a ex ministra Elena Espinosa, que incidiu na mesma liña de colaboración institucional entre Vithas e o Concello. “Que as cousas vaian ben non depende dun só, senón que depende de que todos actuemos cara ao mesmo lado”, dixo.

Tanto os representantes da Xunta como os do Concello de Vigo coincidiron en felicitar a Vithas polas novas instalacións. A concelleira Elena Espinosa lembrou que o hospital “sempre estivo moi implicado con Vigo e para min é moi importante comprobar que segue vivo e crecendo ben con Vigo”.

As urxencias do Hospital Vithas Vigo reciben, anualmente, aproximadamente 40.000 pacientes adultos e pediátricos. No servizo traballa un renovado equipo integrado por unha vintena de médicos especialistas, así como unha trintena de profesionais de enfermería, de diagnóstico por imaxe e de admisión e administración, especialmente formado para o traballo en Urxencias.

Urxencias pediátricas

As novas Urxencias de Vithas Vigo diferencian máis claramente as urxencias de adultos das pediátricas. Nas novas Urxencias de Vithas Vigo, pediatría conta cunha sala de espera propia, unha consulta específica e outra para nebulizacións pediátricas.

Ademais, as Urxencias de Vithas Vigo son as primeiras do grupo Vithas decoradas coa protagonista da serie de debuxos animados de “Súper Vita”, unha nena que ten por obxectivo avanzar na humanización da atención pediátrica e mellorar a experiencia dos pequenos pacientes e as súas familias.

O proxecto de “Súper Vita” nace da man do prestixioso director de cinema e debuxante de animación Paco Sáez (gañador dun Premio Goya en 2020 á curtametraxe de animación) na dirección. Este personaxe infantil que a partir de agora pasará a formar parte da vida dos usuarios máis novos dos hospitais Vithas, reflicte e difunde os valores do coidado das persoas, a promoción de hábitos de vida saudable, a empatía e o compromiso ambiental e social.