
Un total de 11 comparsas chegadas de Vigo, Gondomar, Nigrán, Redondela, Mos e Tomiño desfilarán este sábado día 19 de febreiro polas principais rúas de Baiona. Sairán ás 18:00 horas desde a Avda. Urbana de Sabarís, acompañadas polo grupo de batucada Bate no Cobre, para percorrer a rúa Santa Marta, a Avda. Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen, finalizando no Paseo Ribeira. Acto seguido será o Enterro da Sardiña, que sairá desde a Praza do Concello acompañado pola Charanga Va K Pinta. Tras a súa queima na Praia Ribeira, será a entrega de premios ás comparsas gañadoras.
O Concello de Baiona repartirá 6.500 euros entre as comparsas participantes, distribuídos entre os seguintes premios: 1º premio 900 euros; 2º premio 650 euros, 3º premio 500 euros, 4º premio 400 euros e 5º premio 300 euros. O resto do montante repartirase entre as comparsas participantes no desfile e distribuirase en función do número de compoñentes.
O Xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, ás letras, etc., designadas polo Concello de Baiona. Valorará o vestiario, máscaras, maquillaxes, ect. acomodados á temática que representen; a orixinalidade, enxeño, caracterización, instrumentacións, ect.; a actitude no desfile acorde con motivo na exhibición; a calidade e creatividade na exhibición; e o número de compoñentes da comparsa.