
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo necesita voluntarios para poder levar a cabo distintas Operacións Quilo previstas ao longo dos próximos meses. A primeira cita con presenza de voluntarios será o “Zampakilos Solidario” prevista o 11 e 12 de marzo, organizado por Vegalsa-Eroski en ao redor dunha trintena de supermercados de toda a provincia. En concreto, estarán en establecementos comerciais de Vigo, Pontevedra, Redondela, O Salnés, Deza, Val Miñor ou Baixo Miño, entre outros.
Trátase de regalar catro horas do noso tempo a favor das persoas máis vulnerables ás que atenden na provincia. As persoas interesadas en facerse voluntario poden facelo de maneira sinxela e rápida a través da web: http://www.bancoalimentosvigo.org.
O “Zampakilos Solidario” desenvolverase dunha maneira mixta, é dicir, os doantes que acudan aos supermercados adheridos poderán entregar alimentos físicos aos voluntarios ou, se o prefiren, facer achegas económicas ao pasar por caixa. Como xa ocorreu durante a Gran Recollida, co diñeiro recadado, Vegalsa-Eroski habilitará un saldo a favor do Banco de Alimentos para a compra posterior dos produtos máis necesarios.
Continuación plena de Operacións Quilo
O estalido e incidencia da pandemia obrigou a suspender todo tipo de recollida de alimentos física nos supermercados e, aínda que nalgúns momentos de 2021 volveron participar nalgunha destas campañas, realmente, non é ata o de agora, cando confían en poder renovar de maneira completa as súas tradicionais Operacións Quilo.
Ditas Operacións Quilo supoñen un gran impulso no que a provisión inmediata de produtos de primeira necesidade refírese, co correspondente abastecemento dos almacéns de Vigo e Pontevedra.
O Banco de Alimentos de Vigo repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade axudamos a unhas 22.000 persoas desfavorecidas da provincia ás que chegan a través de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.