Niña Polaca, Colectivo Da Silva e Karavana súmanse ao cartel do Vive Nigrán

A sexta edición do festival Vive Nigrán segue sumando nomes ao cartel coas incorporacións de Niña Polaca, Colectivo Da Silva e Karavana. Estes tres grupos únense aos artistas xa anunciados, Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro e La Bien Querida, nun festival que volve a Monte Lourido, nunha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán e cunha programación para todas as idades.

O venres 15 de xullo, os andaluces Colectivo Da Silva e Karavana acompañarán a Iván Ferreiro. Coa súa mestura de rebeldía pop, festa cun estilo naif e toques de ironía xuvenil Colectivo Da Silva reflexionan nas súas letras sobre o día de día da súa xeración. Os seus temas frescos e divertidos como “Bolitas”, “Marina D’or”, “Nos vemos luego” ou “Amor de verano” soarán no campo de fútbol de Monte Lourido na primeira xornada do festival. Acompañaranlles Karavana, un cuarteto de vinteaneiros cun directo cheo de enerxía que atrapa a quen os escoita por primeira vez. Iván Ferreiro repasará o venres 15 de xullo en Nigrán os grandes éxitos da súa carreira con Piratas e en solitario, dentro dunha xira moi especial coa que volve este 2022 aos escenarios.

Niña Polaca súmase ao cartel do sábado 16 de xullo xunto a Rigoberta Bandini e La Bien Querida. Esta banda madrileña–alacantina formada en 2018 ofrece un paseo polo Madrid dos 80s a través das súas cancións pop con toques indie-rock. Afianzados xa como unha das grandes promesas nacionais, presentarán en Nigrán o seu segundo álbum publicado en 2021, “Asumiré la muerte de Mufasa”.

La Bien Querida chega a Nigrán nesta edición do festival cun concerto moi especial, acompañada dunha banda completa, superados os formatos máis íntimos dos últimos meses. A solista vasca repasará os seus éxitos, como “Dinamita”, “Muero de amor” ou “De momento abril” e versións, como ‘’Llorando por ti”.

E tamén o sábado 16, Rigoberta Bandini fará vibrar ao público de Nigrán con hits tan escoitados e coreados como “Perra”, “Too many drugs”, e “Ay mamá”, convertido en todo un himno tras o seu paso polo Benidorm Fest e que acumula máis de sete millóns de escoitas e seis millóns de visualizacións en YouTube. Rigoberta Bandini posicionouse nos últimos meses como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional.

Os abonos (50 € + gastos) e as entradas para venres e sábado (25€ + gastos) están á venda en vivenigran.com e ataquilla.com. Os menores de 12 anos (inclusive), acompañados dun adulto, teñen entrada gratuíta. Por control de aforo é necesario sacar igualmente unha entrada específica a través de Ataquilla.

Tras a versión Picnic Club Edition de 2020 e o formato máis reducido do festival do ano pasado, esta edición de Vive Nigrán aposta por unha formulación de festival co público de pé. Ademais, desde o seu nacemento, Vive Nigrán é moito máis que música e busca a integración coa contorna e o patrimonio. Por iso, nesta edición volven as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de Vive Sostible, Vive Patrimonio, Vive Igualdade e Vive Activo coa colaboración do Concello de Nigrán.

O festival contou nas súas pasadas edicións co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Fest Galicia, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que busca reivindicar os encontros como algo esencial para vivir mellor.