
A militancia de Galiza Nova de Nigrán, para conmemorar o Día Internacional da Síndrome de Asperger, organiza unha charla informativa sobre a mesma, na AVV A Unión de San Pedro – A Ramallosa, o venres 18 de febreiro ás 20:00 horas.
O acto contará coa participación de Alba Gómez (educadora social do gabinete especializado de psicoloxía Litus) e Iago Aballe (militante de Galiza Nova de Nigrán e diagnosticado coa síndrome de Asperger). Así, no acto farase referencia ao aspecto teórico da síndrome por parte de Alba Gómez, pero tamén falarase de cuestións prácticas do día a día dende a propia experiencia de Iago Aballe.
Trátase dun acto que trata de visibilizar o Asperger, normalizar esta condición (encadrada dentro dos Trastornos do Espectro Autista – TEA) que se manifesta de forma diferente en cada individuo, e que é un trastorno frecuente e aínda pouco coñecido entre a poboación.
Dende Galiza Nova e o BNG apostan pola inclusión e o respecto pola diversidade, a cal consideran unha fonte de riqueza da nosa sociedade.
Dende o BNG de Nigrán e Galiza Nova agradecen a cesión do local á AVV A Unión de San Pedro – A Ramallosa para a realización deste acto. Invitan á xente do Val Miñor e resto da comarca de Vigo a achegarse a outras formas de ollar o mundo.