O Partido Popular de Baiona denuncia nun comunicado que os veciños da parroquia de Baredo non teñen servizo de fibra óptica “por culpa da desidia do goberno local de Baiona” por non realizar as tramitacións oportunas e permitir a conexión do cableado que Telefónica tiña previsto soterrar, a través de dous proxectos financiados con fondos FEDER, para solucionar os problemas ocasionados polos incendios de 2017 cando se queimaron os postes e o cable de cobre que daba cobertura a esta parroquia.
Unhas axudas, enfocadas a mellorar a cobertura en distintas parroquias de Baiona, que foron xestionadas en 2018 e 2019 durante o anterior executivo local do PP e que o tripartito unicamente debía de coordinar con Telefónica e coas diferentes administracións implicadas no terreo para que se executase a obra antes do 31 de decembro de 2021. “Con ela daríase solución a un problema que supón unha dificultade importante no día a día dos veciños desta parroquia que, entre outras cuestións, non poden traballar telemáticamente por falta de velocidade. Con todo, o tripartito permitiuse o luxo de deixar escapar estas axudas ao non dar os permisos para que Telefónica realizase o proxecto”.
Para o PP, é lamentable que durante máis de dous anos despois o tripartito non se preocupase por obter as correspondentes autorizacións e facilitar a conexión desta parroquia a pesar de que o grupo municipal popular advertísello en varias ocasións. Supón, a xuízo dos populares, unha discriminación aos veciños de Baredo debido a que no resto de parroquias xa están a gozar da internet de alta velocidade tras executarse estes proxectos de instalación de fibra.
A pandemia evidenciou a necesidade dos gobernantes de traballar para acabar coas zonas de sombra e estar preparados para implementar unha vida “telemática” ante un imprevisto como o do Covid-19. “Pero, lonxe deste obxectivo e do mesmo xeito que ocorre no Concello con numerosas cuestións de vital importancia, onde o goberno local ten competencia, a súa inacción provoca unha perda de calidade de vida para os baioneses e, neste caso, dos veciños de Baredo”, conclúen.

