A Deputación distribuirá en Gondomar manteis divulgativos sobre o “Caldo de Gloria” de Rosalía de Castro

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vai distribuír entre 33 concellos da provincia manteis divulgativos sobre o “Caldo de Gloria”, unha receita humilde que Rosalía de Castro menciona no poema “Miña casiña, meu Lar” do Libro Follas Novas. A iniciativa, que se desenvolve da man da Fundación Rosalía de Castro, pretende poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular.

Os manteis serán utilizados o vindeiro día 23, cando se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía, nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería local de cada municipio. No criterio de reparto primáronse os establecementos que ofertarán o “Caldo de Gloria” na súa carta para celebrar a efeméride sobre a autora de Padrón, os que utilizan o galego como lingua principal, e os que participan do Plan Revitaliza e dispoñan do selo distintivo do plan provincial de compostaxe.

Nesta simbólica iniciativa estaban a disposición dos concellos da provincia 8.000 exemplares do mantel individual de papel co poema e a explicación sobre o Caldo de Gloria. O reparto fíxose por estrito orde de solicitude cun máximo de 150 unidades aos concellos de menos de 5.000 habitantes, 200 aos de entre 5.000 e 10.000, 300 aos de entre 10.000 e 20.000, e 500 aos de entre 20.000 e 50.000. Os concellos e/ou os locais de restauración que precisen máis unidades para estender a proposta teñen a oportunidade de descargalos e imprimilos de maneira autónoma dende a páxina web da Deputación e tamén da Fundación Rosalía.

Na comarca de Pontevedra participarán na iniciativa os concellos de Poio, Barro, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade; na comarca do Salnés, Meaño, Meis e Ribadumia; no Morrazo Moaña, Bueu e Marín; na comarca de Caldas, Pontecesures, Cuntis, Valga e Caldas; no Deza Tabeirós, Agolada, Silleda, Vila de Cruces, Lalín e Forcarei; na comarca do Baixo Miño A Guarda, O Rosal e Oia; na área de Vigo O Porriño, Redondela, Mos, Pazos de Borbén e Salceda de Caselas; no Val Miñor Gondomar; e no Condado-Paradanta Ponteareas, Mondariz, As Neves, Mondariz Balneario e Covelo.