
O prezo medio por metro cadrado en Nigrán está valorado nuns 2.125 €, unha tendencia á alza que posiciona ao municipio como a segunda área máis cara de Pontevedra. Este custo tan elevado imposibilita á cidadanía de Nigrán o acceso a unha vivenda de calidade e alcanzable. Sendo as principais prexudicadas as familias con menores, a mocidade ou as persoas cun poder adquisitivo limitado, que teñen que trasladarse a outros municipios para poder atopar unha vivenda acorde ás súas posibilidades económicas.
En consecuencia, Podemos solicita ao Concello que se dirixa á Xunta de Galicia co fin de que Nigrán forme parte dos Programas de Axudas en Materia de Rehabilitación Residencial e Vivenda Social, que forman parte dos fondos Next Generation, cos que impulsar a creación de vivenda pública en terreos de titularidade municipal e así paliar en certa medida esta problemática que se está a dar no municipio.
Desde a formación local opinan que o desenvolvemento social de Nigrán non só pasa pola creación de parques empresariais ou comerciais e que o Goberno Local debería poñer especial atención nun factor tan indispensable como é o da vivenda.