Sin categoría

Baiona, Gondomar e Nigrán contratarán a 51 persoas con máis de 700.000 € da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a 23 novas achegas do Plan Concellos, das liñas 1 e 3, coas que se realizarán “investimentos para transformar os concellos” e, por outra banda, financiar a contratación de ata 320 persoas que van a permitir a prestación de servizos nos municipios. Deste xeito, a Deputación fará chegar case 3,7 millóns euros a O Grove, Forcarei, Ponteareas, Salceda, Vilanova de Arousa, As Neves, Baiona, Caldas de Reis, Cangas, Crecente, Gondomar, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Mondariz, Nigrán, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Tomiño e Vilaboa.

A Xunta de Goberno deu luz verde a 18 achegas da liña 3 de Emprego por valor de preto de 2,9 millóns de euros para que os concellos poidan financiar a contratación de 320 persoas de perfís moi variados como auxiliares administrativos, operarias ou operarios de servizos múltiples ou conserxes. Na comarca do Val Miñor os fondos provinciais chegarán a Baiona para contratar a 17 persoas cunha achega de 206.900 euros; Gondomar contratará a 10 persoas cunha subvención de 275.760 euros; e 225.200 euros favorecerán a contratación de 24 traballadores en Nigrán.