Baiona acolle a terceira sesión do obradoiro “Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax”

A Consellería de Cultura e Educación continúa coa programación de actividades que acompañan a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, na que se exhibe por vez primeira o manuscrito coas cantigas de amigo de Martín Códax acompañadas de melodía. Esta fin de semana, distintas localidades galegas van acoller iniciativas que afondan no coñecemento de distintos aspectos do tempo de Martín Códax e da lírica medieval galego-portuguesa.

Baiona acollerá o obradoiro que leva o título de “Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax”. Este sábado 18 de novembro celébrase a terceira sesión, na que, co formato de charla-concerto, o grupo Pres de Cambrai interpreta mostras da música dos séculos XII e XIII con réplicas de instrumentos medievais, realizadas por diferentes obradoiros de artesáns. A convocatoria é na Casa da Navegación, ás 18.00 horas, e a capacidade está xa completo.

O Pergamiño Vindel en Galicia

Estas actividades son algunhas das múltiples iniciativas que a Xunta está programar en toda a comunidade, vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo de 2018. A exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, ten como eixo central o manuscrito de finais do século XIII que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa melodía, e que constitúen o único exemplo conservado deste xénero con notación musical.

Tamén continúa aberto o prazo de inscrición para participar no certame de videocantigas Vindevídeos, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e dirixido a alumnado e profesorado de centros educativos galegos. Cada centro poderá enviar ao concurso un máximo de tres vídeos en calquera técnica cuxa temática estea relacionada coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.