Este sábado, unha vez rematados os campionatos provinciais e despois de dous anos de parón por mor da pandemia, dá comezo a liga galega de xadrez 2022. Esta liga é especial para o Club de Xadrez Laroca de Nigrán xa que por primeira vez na súa historia participará na división de honra da liga galega, na que se enfrontará aos mellores taboleiros de Galicia.
Debutará na capital da provincia para enfrontarse a un dos clubs máis laureados da comunidade autónoma, o club de xadrez Pontevedra Estratexias pola Paz, equipo que superan todos os seus compoñentes os 2000 puntos de Elo, desprazamento moi complicado para os miñoráns.
Os equipos de segunda como é norma enfrontaranse no local de Cotros a partir das 17:00 horas, mentres que o equipo de terceira enfrontarase tamén en Nigrán ao club de xadrez Albatros C.
Por outra banda grandes resultados nos campionatos provinciais celebrados o pasado fin de semana en Vilagarcía de Arousa, organizados magnificamente polo club xadrez Fontecarmoa. O club miñorán participou na categoría sub 18, celebrada o sábado, con Ricardo Fernández López con 4 puntos de sete posibles. Gran torneo o de Ricardo, partindo do posto inicial número 15, conseguiu a sexta posición ganándolle na primeira partida a Juan Manuel Martínez Montes da escola xadrez Pontevedra, que sería o campión do torneo e que só perdería co miñorán.
Na categoría absoluta, na que houbo unha participación récord con 106 participantes, os laroqueiros tiveron catro representantes, Ana Fernández, Samuel Alleres, Jorge Carneiro e José Manuel Fernández, rematando respectivamente nos postos 29, 40, 53 e 88, mellorando os seus postos de saída. Destacar o torneo de Ana que estreaba categoría rematando terceira feminina e gañándolle na primeira rolda ao mestre internacional Rafael Rodríguez.

