O PP de Baiona alerta de posibles multas ao Concello por publicar datos privados de veciños na web municipal

O Partido Popular alerta de que o Concello de Baiona, “por mor da irresponsabilidade continua do tripartito que o xestiona”, pode verse abocado a multas por incumprir reiteradamente a Lei de Protección de Datos. Segundo os populares, a web municipal publica desde fai polo menos oito meses os datos privados de persoas, “coas consecuencias graves que iso pode carrexar para os afectados”. O grupo municipal popular xa advertiu deste feito a todo o equipo de goberno a través do pleno ata en tres ocasións sen que este actuase en consecuencia e eliminase esta documentación da internet.

A primeira vez que o PP fixo advertencia desta publicación foi na sesión de xuño de 2021 a través dun rogo pensando que podería tratarse dun “erro”. Novamente, vendo que aínda non se emendou, no pleno de xullo os populares volveron preguntar por esta cuestión e esixiron a súa retirada inmediata e catro meses despois, en novembro, ante a inacción do goberno local e, particularmente do alcalde, volveron incidir insistindo nas sancións que poderían carrexar esta irresponsabilidade. Os datos privados destas persoas continuaban publicados. Ante esta inacción e incumprimento consciente da Lei, requiriuse ao tripartito indicar o nome da persoa responsable da Protección de Datos do consistorio. A resposta do rexedor, reproducen os populares, foi “agora mesmo non o sei” cando toda administración pública está obrigada a contar cun delegado na materia.

O lamentable e inaudito, cualifican desde o PP baionés, é que, a día de hoxe, oito meses despois da primeira advertencia, estes datos aínda continúan á vista de calquera persoa. A pesar de que, polo menos, un dos cidadáns afectados tamén presentou un escrito instando a eliminalos de inmediato, pero non recibiu resposta por parte do goberno local. Isto demostra “o pouco que lles importan as persoas a este tripartito e os danos que poidan ter pola súa nefasta xestión” pero, engaden, “tamén é unha proba contundente de que ao alcalde non lle afecta o máis mínimo ter que gastarse o diñeiro dos impostos de todos os veciños de Baiona en multas para o Estado”.