La Bien Querida, nova confirmación do Vive Nigrán

La Bien Querida incorpórase ao cartel do Festival Vive Nigrán 2022 en formato banda e actuará o sábado 16 de xullo, compartindo data con Rigoberta Bandini, na segunda xornada desta edición. A solista vasca repasará os seus éxitos, como “Dinamita”, “Muero de amor” ou “De momento abril” e versións, como “Llorando por ti” acompañada dunha banda completa, nun concerto moi especial, superados os formatos máis íntimos dos últimos meses.

As entradas para a xornada do sábado 16 de xullo e os abonos para o festival están á venda en http://www.vivenigran.com, a un prezo de 50€ + gastos o abono para todo o festival e 25€ + gastos para a xornada do sábado ou do venres. A edición de 2022 xa confirmou a Iván Ferreiro (venres 15 de xullo) e Rigoberta Bandini (sábado 16 de xullo).

O festival contará unha vez máis co patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que busca reivindicar os encontros como algo esencial para vivir mellor, ademais do apoio do Concello de Nigrán.

Ana Fernández-Villaverde (Bilbao, 1972) coñecida na súa faceta artística como LA BIEN QUERIDA atraeu a atención do circuíto musical español en 2007 coa publicación da súa primeira maqueta. As súas cancións partían dun principio simple, pero cunha beleza que desarmaba, fabulosas poesías de amor e desamor que lembraban o fío de LOS PLANETAS sen ruído, a intensidade emotiva de Sr. CHINARRO sen ironías, a dozura de LE MANS ou os sentimentos espidos de THE MAGNETIC FIELDS, o romanticismo de FAMILY sen disfrace tecno-pop.

Agora, tras 15 anos nos escenarios, acumula sete álbums de estudo con Elefant Records, e decenas de singles e colaboracións con artistas como Los Planetas, Carolina Durante, Juan Miquel Oliver, La Estrella de David ou Alizzz. O seu repertorio segue crecendo tamén con encargos para televisión, series e publicidade. Despois da especial versión de “Llorando por ti” que asinou recentemente para a serie de HBO Max “Todo lo Otro”, tamén incorporou un tema propio, “Río de enero”, para a serie “Express” (Starzplay).

Nos seus traballos demostra como a súa ambición vai moito máis alá do que reflectían aquelas gravacións caseiras: os seus xogueteos coas rumbas, coas influencias árabes e a electrónica, todo en sutís doses, demostraba que o seu discurso musical gañaba aínda máis forza xunto ás súas preciosas letras e as súas melodías directas.