O Concello de Baiona continúa co seu plan para mellorar a iluminación pública da localidade. Nese sentido, procedeuse á substitución das luminarias nas zonas de Cabreiro e Portelos en Baredo. Está a procederse á substitución de 54 puntos de luz do viario por tecnoloxía LED. As obras da iluminación están a levarse a cabo nestes días con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e realizados por persoal municipal.
O concelleiro de Alumeado Público, Óscar Martínez, destaca que “o estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo. Neste caso en concreto, había 54 luminarias cun consumo de 100W que se están substituíndo por unhas cun consumo unitario de 40W. O cambio a tecnoloxía led ten como obxectivo conseguir unha iluminación de maior calidade, unha maior eficiencia enerxética e un aforro de enerxía”.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que “o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para as persoas usuarias diarias destes viarios e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade máis dun 80% e reducir o gasto da luz que soporta mensualmente”.
Esta nova substitución de luminarias por tecnoloxía led súmase ás numerosas actuacións realizadas ao longo do pasado ano dentro deste plan de mellora da iluminación pública da localidade coa actualización de luminarias por tecnoloxía LED.

