Nigrán recibe parte do legado do artista e home polifacético Emilio Alonso Freiría, oriúndo de Panxón

O Concello de Nigrán recibiu esta semana parte do legado de Emilio Alonso Freiría (Panxón, 1921-A Guarda, 2021), artista autodidacta e home polifacético nativo de Panxón e moi vinculado á vida socio-cultural deste municipio. Fundador do club Dunas, secretario da Confraría de Pescadores, axente xudicial no Xulgado da Ramallosa… Freiría destacou como caricaturista, xornalista, músico e gran ilustrador. En definitiva, “unha persoa inqueda á que lle gusta picar en todo”, tal e como el mesmo refería.

En concreto, o alcalde recibiu de mans da súa filla Emilia Alonso a colección ao completo de 1934 a 1986 da revista “Miñor” do Círculo Social de Baiona, Gondomar e Nigrán en Bos Aires, entidade que lle concedeu na década dos 60 a medalla de ouro e o título de “Correspondente Honorario”. Todos, perfectamente encadernados en catro tomos, serán dixitalizados para poder consultalos na Biblioteca Municipal de Nigrán, onde tamén se gardarán en depósito. Adicionalmente, a familia entregou ao Concello un total de 22 caricaturas orixinais nas que Freiría retrata a personaxes relevantes da vida social e popular da época no Val Miñor: desde o lendario futbolista céltico Manuel Araújo “Nolete” a mariñeiros como Veremundo Álvarez, o alcalde de Gondomar e pai do fundador do Cine Imperial Latino Salgueiro, personaxes como Juan Prado “O bruxo da Ramallosa” ou Albino Rouco, taxista e barman na Ramallosa. Todas elas serán recompiladas e expostas polo Concello. Igualmente, o álbum familiar da súa vida en Panxón xunto a súa muller Luciana Román Iglesias integrará parte esencial do Arquivo Histórico Audiovisual online, ao conter imaxes espectaculares da zona das dunas e portuaria. A maiores, a familia entregou documentos como a acta fundacional do Dunas Club de Fútbol, debuxos, plumillas…

“O material que tan xenerosamente nos ceden é único e dun valor incalculable. Todo será preservado e dixitalizado para enriquecer o noso Arquivo Histórico e para que estea a disposición da veciñanza. A colección da revista ‘Miñor’ está perfectamente conservada e reflicte a nosa historia emigrante e as caricaturas retratan personaxes populares que os maiores aínda recordan”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece especialmente a xenerosidade da súa familia, veciña de A Guarda, onde Freiría se asentou como oficial de xustiza desde 1957 participando activamente na vida sociocultural da vila, onde lle chegaron a homenaxear oficialmente nas Letras Galegas de 2021.

“O meu pai faleceu o ano pasado e agora estou a gozar moitísimo redescubrindo todo o seu legado, era un home meticuloso e perfeccionista que gardaba absolutamente todo, así que considero que é marabilloso poder compartilo coa veciñanza de Nigrán e que o Concello o preserve, gardado na nosa casa non ten ningún sentido, o meu pai estaría feliz”, sinala Emilia Alonso.

Biografía

Emilio Alonso Freiría naceu en Panxón o 20 de abril de 1921. Desde pequeno destacou na escola coma un estudante avantaxado pero o estalido da Guerra Civil frustrou a súa intención de entrar en Bacharelato. Para colaborar na economía familiar tivo que traballar como agricultor, viñateiro, administrativo nunha fábrica de conservas… Compaxinou o traballo co estudo por correspondencia para ser contable ata que no 1942 é chamado a “quintas”. Alí desenvolve a súa afección polo clarinete e o violín e forma parta da Banda de Música, paixón que nunca abandonaría. Xa no 1945 licénciase e de regreso a Panxón exerce como secretario da Confraría de Pescadores ata que comeza a preparar por libre oposicións á Administración de Xustiza obtendo praza no Xulgado de Paz de A Ramallosa. Mentres traballa aquí, prepara oposicións para Oficial de Xustiza, aprobando no 1956 e obtendo praza na Guarda, onde exerce ata a súa xubilación no 1987.

Na súa etapa no Xulgado de Paz de A Ramallosa Emilio exerce tamén como correspondente para Faro de Vigo en Panxón, desta etapa son as súas caricaturas de personaxes populares ou curiosas, moitas delas publicadas neste xornal. As súas colaboracións xornalísticas inclúen El Pueblo Gallego, La Noche, Atlántico Diario… Destacando a concesión da medalla de ouro por parte da revista da emigración “Miñor” e o título de “Correspondente Honorario”.

Durante toda a súa vida Freiría desenvolveu o seu gusto pola pintura e ilustración con diferentes técnicas, desde óleo a acuarela ou plumilla, pero se en algo destacou na vida foi pola súa gran implicación sociocultural nos dous municipios onde viviu, Nigrán e A Guarda. En ambos fundou asociacións deportivas, culturais, festeiras, etc. sendo recoñecido como un veciño ilustre ata o seu falecemento o 25 de abril de 2021 na súa casa de A Guarda.