A Plataforma Gondomar Fibra XA! denuncia que a Xunta ignorou as reclamacións presentadas ante Consumo

A Plataforma Gondomar, Fibra XA! denuncia que a Xunta ignora as súas reclamacións ante o Instituto Galego de Consumo. O organismo dependente do Goberno galego vén de responder que non é competencia súa valorar as queixas veciñais presentadas de forma conxunta contra as empresas operadoras, e, sen previa consulta a quen presentou as reclamacións, decidiu derivalas á Secretaría de Estado de Telecomunicacións. Esta última está a remitir un escrito a cada unha das persoas reclamantes indicándolles que desbota as reclamacións por estar escritas en galego, agás que reparen o “defecto” no prazo de dez días.

Desde a coordinadora de Gondomar, Fibra Xa!, “comunicamos á veciñanza que será a propia Plataforma quen realizará as xestións oportunas coas administracións galega e do estado para aclarar o acontecido e para que todas as reclamacións sexan atendidas”.

A plataforma denuncia o continuado desinterese de ambas Administracións por dotar ao concello dunha conexión a internet digna e, mentres esta non se acada, poñer freo aos abusos das compañías operadoras que non cumpren co estipulado nos contratos e cobran por prestacións, nomeadamente a velocidade da conexión, que non ofrecen.

“Despachan as nosas queixas de xeito burocrático mentres continuamos cun servizo disfuncional, saturado e obsoleto, que non se traduce nunha rebaixa do recibo, e ao tempo permiten que Movistar incumpra o contrato millonario para o despregamento da fibra óptica en boa parte do concello, comprometido co Estado para estar rematado antes de 2022 e que daría solución á maioría das reclamacións presentadas. En isto consisten os tan anunciados plans e programas de extensión de banda larga de Xunta e Estado?

“Reiteramos a nosa esixencia para que os gobernos local, español e galego deixen de mirar cara outro lado e realicen as xestións necesarias para completar a implantación, así como estender os programas de cobertura a aquelas zonas que aínda non están incluídas, co fin de garantir a igualdade de condicións no acceso a unha internet de calidade a toda a veciñanza de Gondomar”, subliñan desde a Plataforma.