Sin categoría

O BNG critica que no primeiro pleno do ano se presente xa unha modificación orzamentaria de 1,5M€

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que no primeiro pleno do ano, a celebrar hoxe xoves, o Alcalde presente xa unha modificación orzamentaria de 1,5M€, logo de ser incapaz de presentar un orzamento propio por sétimo ano consecutivo.

En opinión do BNG “fica claro que os orzamentos vixentes, prórroga dos que aprobara o PP no ano 2012, non dan resposta nin atenden ás necesidades reais e actuais do concello”. Como solución, “o Goberno municipal segue a incorrer na falta reiterada de control do gasto e no abuso das modificacións orzamentarias, uso de remanentes e levantamento dos reparos do departamento de Intervención”, reprobou a portavoz municipal do Bloque.

“É un insulto ás veciñas e veciños de Gondomar que un goberno con maioría absoluta non sexa quen de presentar unha proposta propia para as contas do concello”, denunciou a portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, que reprobou, máis unha vez, “a incompetencia do alcalde e o seu grupo de goberno”.

Mocións e rogos e preguntas

O Bloque leva ao debate plenario dúas mocións: unha, a prol do saneamento integral do concello en que se insta ao goberno municipal a redactar unha ordenanza para o servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas de vivendas fóra da rede de sumidoiros; a negociar acordos ou convenios con Xunta ou Deputación para facilitar o enganche a vivendas que precisen de actuacións en estradas e beirarrúas sen ver encarecida a súa conexión con respecto ás tarifas establecidas; ou a buscar alternativas aos sistemas convencionais de saneamento, por exemplo evitando os sistemas de bombeo, a comezar polo previsto para os barrios de Zapa e Loureiro, en Chaín.

E outra, pola cobertura inmediata da praza de avogada do CIM, e na que se demanda dos gobernos do PP de Feijóo e do PSOE de Ferreira a que desenvolvan xa as súas respectivas competencias de xeito que desde o CIM se poida ofrecer, en mellores condicións, a atención técnica, xurídica e psicolóxica necesaria a todas as mulleres de Gondomar que a precisen.

Así mesmo, no apartado de rogos e preguntas, a portavoz nacionalista pedirá explicacións ao Alcalde pola non formalización, un ano despois do concurso, dos contratos de concesión dos postos da Praza de Abastos.

O Alcalde está a incumprir a súa propia resolución, de 24 de febreiro de 2021, onde estabelecía que o contrato debía formalizarse no prazo de quince días hábiles dende a notificación da adxudicación aos licitadores e candidatos. Incumpre tamén o acordado nunha moción aprobada no pleno de outubro pasado que o instaba a proceder, no prazo de 15 días, á formalización dos documentos acreditativos da concesión de cada un dos postos adxudicados. E tal como informou o propio secretario do pleno, os contratos para seren efectivos deben ser “perfeccionados” coa firma das partes; sen firma non están formalizados, carecen de valor.

Nesta circunstancia, Rodríguez pedirá explicacións ante o que considera unha situación de indefensión por parte das persoas adxudicatarias dos postos, e un incumprimento flagrante da lei por parte de Paco Ferreira.