
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor pechou o 2021 con máis de 1.700 intervencións das cales 1.666 corresponderon ao Servizo de Socorrismo e Salvamento en praias no período correspondente ao 1 de xullo e 15 de setembro. Os datos obtidos no pasado verán foron sensiblemente superiores se se comparan coas 1.279 actuacións de 2020, unha diferenza do 25% que pon de manifesto que a afluencia de visitantes rexistrada na última tempada aumentou respecto á primeira de pandemia. En canto ao momento con máis incidencias, Patos mantense á cabeza con 345, seguido de Ladeira con 247, Praia América, Lourido, Panxón, Ribeira, Santa Marta, Barbeira e en último lugar Concheira con tan só tres intervencións. Destacan tamén tres operativos por verteduras, en Panxón e Patos.
O presidente da AVPC, Iago Álvarez, destacou ademais a cantidade de cursos de formación impartidos en centros de estudos tanto para o alumnado como para persoal docente, así como en campamentos e formacións deportivas, que se triplicaron en número nos últimos 12 meses. Así mesmo formaron parte activa do exercicio de rescate celebrado como parte do espectáculo da Endurance European&World Championship en augas de Baiona do pasado mes de outubro, onde participaron de xeito conxunto xunto con Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo. A acción, que tivo como obxectivo a divulgación dos protocolos de emerxencias no mar, contou coa participación do helicóptero “Pesca 1”. Así mesmo, o voluntariado da AVPC tamén recibiu unha formación sobre salvamento en motos acuáticas da man de JET Galicia.
Durante o 2020 formaron parte dun total de 53 operativos correspondentes a iniciativas deportivas e de lecer como as Cabalgatas de Reis, campionatos de vela ou concertos, entre outros. Cabe destacar que por primeira vez Protección Civil faltou ao operativo das “non” festas de San Xoán de Nigrán 2021 por motivos internos. Neste sentido Baiona leva a palma con 35 iniciativas que requiriron dos seus servizos, mentres que Nigrán e Gondomar conformáronse con 9 e 8, respectivamente.