Sete usuarios do Centro Juan María fórmanse como auxiliares de comercio

O Centro Juan María iniciou este martes un curso de “Operacións básicas de auxiliar de comercio”, dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “uno a uno” – ano 2021 no marco do Programa Operativo POISOS 2014-2020 cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).

O curso busca fomentar as capacidades e competencias persoais, sociais e laborais de sete persoas con discapacidade intelectual, así como ofrecerlles unha preparación específica en actividades auxiliares de comercio coa finalidade de ofrecerlles a oportunidade de recibir unha acreditación ao final do proceso formativo, aumentando así as súas posibilidades futuras de contratación.

O programa formativo completo consta de 495 horas, das cales 294 horas son accións formativas teóricas e 189 horas son accións formativas en posto de traballo, contando para iso coa colaboración de diferentes empresas: Gondomarket SL, Alimentación María SL, Autoservicio Patos SL, Juanmariabylolola e Teens Indaders SLU.

Os participantes reciben unha atención personalizada e individualizada ao longo de todo o programa formativo, contando co apoio de diferentes profesionais: coordinador, docente especializado en habilidades complementarias, docente especializado en auxiliar de comercio e tres preparadores laborais. Nas sesións iniciais elabórase un itinerario individualizado de inserción socio-laboral con cada participante establecendo unha serie de obxectivos a traballar.

Mensualmente faranse sesións de seguimento para valorar a evolución de cada participante e para reforzar aqueles temas de maior complexidade. Mediante a metodoloxía de “aprender facendo”, o participante é o protagonista activo do seu proceso de aprendizaxe, ofrecéndolle apoios en función das súas necesidades e adaptando o ritmo á súa evolución. Ao realizar a formación en posto de traballo nun contexto real permítelles poñer en práctica os coñecementos adquiridos e poñer en práctica as súas habilidades sociais ao interactuar cos clientes.