
O goberno local de Nigrán aprobou por unanimidade no pleno ordinario deste luns a modificación da Ordenanza Municipal de Convivencia Cidadá e de Ornato Público para permitir que os cans poidan acudir durante todo o ano a dúas praias designadas ao afecto e aumentar a grave as sancións por non recoller excrementos nos areais, tamén se modificou para regular o estacionamento de caravanas en primeira liña de costa e, finalmente, para referendar como gratuíta a expedición das placas de vao. Os tres aspectos aparecerán xa recollidos especificamente nesta ordenanza aprobada no ano 2016 e que era preciso actualizar neste sentido.
“Este engadido permitirá reactivar a súa concesión, xa eran gratis desde hai tres anos pero era preciso facer este cambio para xustificalo no caso de todos os novos solicitantes, unha cuestión de concordanza legal”, xustifica o alcalde, Juan González, con respecto aos vaos.
Igualmente, o goberno local de Nigrán aprobou en solitario a convocatoria dun quinto plan municipal destinado a paliar os efectos do Covid-19 no sector das perruquerías, estética, academias e librarías. A este fin ten consignados 51.526 € procedentes dunha subvención da Deputación de Pontevedra dirixida a aliviar a situación económica dos sectores máis afectados pola pandemia, que percibirían 1.200 € por negocio. Unha vez se publique no BOPPO estes días abrirá o prazo de solicitude. Deste xeito, o Concello de Nigrán convértese nun dos máis proactivos de Galicia ao respecto ao sumar un total de 341.000 € en axudas municipais (anteriormente foron para os sectores hostaleiro, do taxi, hospedaxe, mariñeiro e centros de rendemento deportivo, sumando estas en total 290.000 € en catro convocatorias diferentes). A técnica de Emprego do Concello de Nigrán está a disposición de cada posible beneficiario das axudas para preparar a documentación que terán que presentar. O contacto é no 986365000 (extensión Emprego), presencialmente ou no correo m.jose.vazquez@nigran.org. O Concello informará convenientemente cando abra oficialmente o prazo e as bases serán penduradas na sede electrónica da web municipal.