Nigrán regula de xeito definitivo o aparcamento de caravanas nas zonas de praia

O goberno de Nigrán propoñerá no vindeiro pleno ordinario do 31 de xaneiro a actualización da Ordenanza de Convivencia Cidadá e Ornato Público para regular de xeito definitivo o aparcamento de caravanas nas zonas de praia. Así, o Concello fixará de xeito permanente a súa iniciativa de delimitar zonas para o aparcamento exclusivo deste tipo de vehículos (a acampada ou pernoita mantense como prohibida en calquera dos casos). O obxectivo final que se persigue é garantir o dereito de aparcar de todos os usuarios da praia, xa que as prazas nos areais son moi limitadas en relación ao número de persoas que se desprazan ata elas a motor.

“Esta medida xa a tomamos hai dous anos de xeito experimental mediante o edicto de senllos bandos e agora, analizado o bo resultado do primeiro ano en que se respectou escrupulosamente, a fixamos na ordenanza para que quede lexislado definitivamente”, xustifica o alcalde, Juan González, quen incide en que “esta fórmula dá competencias á Policía Local para tomar medidas en caso de infracción”.

Na práctica supón que, tal e como xa se viña facendo, poderá repetirse a fórmula mediante resolución de alcaldía de delimitar permanentemente 30 prazas para uso exclusivo de caravanas ou vehículos de similares dimensións en cinco zonas de praia (dúas áreas de Praia América, unha en Panxón, unha en Patos e outra en Cansadoura). Estas non poderán aparcar fóra das zonas sinalizadas para elas entre as 10:00 e 21:00 horas. Evidentemente, esta especial regulación afecta só ás bolsas en primeira liña de praia, “fóra destas zonas poden aparcar libremente nos mesmos lugares en que se lles permite aos coches”.

“Consideramos que o turismo de caravanas é beneficioso para a economía local e protexemos o seu dereito a aparcar nas zonas de praia, non a acampar ou pernoitar, e o facemos harmonizando ese dereito tamén co dos usuarios de coches”, indica o alcalde, Juan González, quen defende que o caravanismo “está en auxe precisamente pola crise do covid-19 e é unha oportunidade máis para Nigrán”. “Trátase de harmonizar e regular polo interese de todos”, incide González, quen subliña que “non é o mesmo aparcar que acampar, xa que a acampada libre está expresamente prohibida”.

Así, as zonas onde as caravanas ou similares teñen xa a súa zona de aparcamento exclusivo, convenientemente sinalizado, manténdose igual que nos pasados dous anos: en Praia América na zona de Fonte Seca e zona onde se pon o mercado de artesanía no verán; en Panxón no Campo de Redes e en Patos nas escolas de surf e na praia da Cansadoura.