Baiona entrega os diplomas aos gañadores do Certame de Micro-Beléns

O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu o acto de entrega dos diplomas ás persoas gañadoras do Certame de Micro-Beléns organizado pola Concellería de Cultura xunto coa Asociación de Empresarios de Sabarís COEMSA. Na categoría de micro-belén máis orixinal resultou gañadora María Martínez Lorenzo (Familia Sierra Martínez), mentres que na categoría de micro-belén máis laborioso produciuse un empate entre José Benito Piñeiro Martínez (Bucanero) e Mª Esther Varela González (Santiago Vaz Familia).

Respecto ao premio ao micro-belén máis popular, a votación en liña e os votos recollidos “in situ” deron como gañadora a Sonia Mª Álvarez Bello con 113 votos emitidos ao seu favor. Este certame compleméntase coa categoría belén familiar en domicilio particular do que resultou gañadora Ynés Valentina López. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, foron os encargados de facer entrega dos diplomas ás distintas persoas premiadas.

No certame participaron un total de 15 micro-beléns que foron expostos no Multiusos Mercado de Sabarís durante a época do Nadal. A finalidade deste concurso foi a de potenciar as artes plásticas e as manualidades, incentivar a creatividade, así como conservar as nosas tradicións e fomentar as actividades en familia.