
Ante as queixas polo intenso mal cheiro procedente da rede de sumidoiros que durante anos vén afectando a gran parte do tramo da Avda. Pablo Iglesias, Podemos Nigrán insta ao Goberno Local que proceda a dar solución a esta contrariedade e invista na renovación desta infraestrutura.
Aos reclamos da veciñanza desta zona da parroquia de Priegue, dos que existe coñecemento no propio consistorio, únense os dos xerentes de diferentes locais de hostalería, aos que este inconveniente está a xerar considerables molestias nos seus negocios.
A formación local manifesta que o servizo de saneamento na parroquia de Priegue é unha materia pendente para a Administración Local á que deben poñer solución canto antes, xa que mesmo existen zonas sen construción da rede municipal de saneamento, como é o caso da Rúa O Barco, onde a veciñanza leva anos reclamando este servizo básico.