Os tres concellos do Val Miñor únense ao grupo de enfermería da Xunqueira para combater a hipertensión

Os tres concellos do Val Miñor veñen de unir forzas para ofrecer a actividade de marcha nórdica (marcha con bastóns) como terapia rehabilitadora grazas aos enfermeiros residentes do Centro de Saúde Val Miñor, ideólogos deste proxecto piloto único en Galicia e practicamente en España. Neste fase inicial está dirixido a pacientes hipertensos de Baiona, Gondomar e Nigrán (os interesados deben dirixirse ao persoal de enfermería do seu respectivo centro de saúde) pero o obxectivo final é asentar os grupos na comarca miñorana para incorporar a todo tipo de poboación dado os seus múltiples beneficios. “Queremos xerar un novo activo de saúde en cada barrio empoderando aos propios cidadáns, esa é a nosa meta”, resumen.

Así, a partir do 31 de xaneiro e durante os vindeiros catro meses ofreceranse dúas rutas semanais matinais dirixidas polo seleccionador galego Nacho García e coa presenza tamén dos propios enfermeiros, que acudirán para reforzar a actividade con “pílulas formativas” de coñecementos en saúde que contribuirán a crear auténticos “pacientes expertos”. Cada municipio gozará da súa propia saída no seu territorio, será dunha hora de duración e aproximadamente 5 km, e no primeiro mes os bastóns os facilitará a organización (despois existe a posibilidade de alugalos polo prezo simbólico de 1 €). O instrutor Nacho García destaca que, neste proxecto concreto, a disciplina deportiva será enfocada ao seu aspecto máis terapéutico.

“Somos especialistas en enfermería familiar e comunitaria e, precisamente, esta actividade é un exemplo perfecto de intervención comunitaria para fomentar a marcha nórdica como activo saudable para a poboación, para rehabilitar e tamén para previr. Estamos especialmente agradecidos aos tres concellos polo seu apoio, xa que actuarán como promotores ante a súa veciñanza, e aos centros de saúde pola súa implicación absoluta nestes intres difíciles debido á pandemia”, explican os residentes Antonio Sobral e Cuca Rivas.

Hospitais do País Vasco e Cataluña xa están a empregar este deporte de orixe finlandés como programa de rehabilitación para pacientes de moi diversa índole: desde mulleres mastectomizadas a persoas operadas de próteses de cadeira ou xeonllo a hernias discais, persoas con perda de mobilidade por problemas neurolóxicos… “É beneficiosa para toda a poboación. Ten amosado que axuda moito a saúde do ancián fráxil, das persoas con riscos cardiovasculares e incluso está funcionando para paliar danos do Covid”, subliñan os enfermeiros, que engaden o beneficio extra que supón no actual contexto que sexa unha actividade ao aire libre e en grupo, xa que iso contribúe á socialización e á fidelización.

Así, os tres equipos de cadanseu concello, cun máximo de 15 inscritos, serán monitorizados ao inicio, aos dous meses e ao finalizar, así poderán testear como evolucionou durante ese tempo a súa tensión, peso, masa muscular ou graxa… “Faremos un banco de quilómetros e de calorías como reto para competir de xeito san entre os tres grupos e motivarnos aínda máis”, indican.

Os participantes poderán verse beneficiados de aspectos desta disciplina deportiva como os seguintes: exercitar o 90% dos músculos do corpo ao usar bastóns (nunha andaina “normal” móvese “só” o 60%); reducir a carga sobre as articulacións; fortalecer os músculos relacionados coa postura e a estabilidade da columna; favorecer o equilibrio e en maiores facilitar que se eviten as caídas; axudar á perda de peso ao consumirse ata un 45% de calorías no mesmo espazo de tempo que nunha camiñada sen bastóns; mellorar a capacidade pulmonar ao ser un deporte aeróbico no que se mantén un ritmo elevado e favorecer a coordinación motriz.