Sin categoría

O PP critica que Baiona non contase con representación institucional en Fitur

O PP de Baiona censura que o alcalde e concelleiro de Turismo, Carlos Gómez, desaproveitase unha oportunidade de ouro para o turismo da localidade como é asistir á feira de turismo máis importante de Europa como é Fitur mentres que o resto dos municipios da comarca do Val Miñor e da provincia de Pontevedra si estiveron presentes a través membros dos seus respectivos gobernos. Por tanto, e lamentablemente para as populares, con este tripartito PSdeG, Bng e Nós Baiona pasou de ser o primeiro municipio considerado Destino de Excelencia Turística e referente do turismo mundial a nin sequera estar neste evento, “simplemente polo deixamento e irresponsabilidade dos seus gobernantes”.

“Chama a atención, con todo, que o rexedor se gaste máis de mil euros de todos os baioneses no billete de avión para viaxar á Gomera (Canarias) para xestionar un irmandamento que en pandemia non resulta prioritario e que agora desaproveite a oportunidade de poder vender as moitas virtudes de Baiona, entre elas o Camiño Portugués da Costa, nun escaparate único como é o de Fitur. Precisamente, todos os municipios polos que pasa esta senda, recollidos no proxecto “Mulleres do Camiño”, estiveron presentes na feira fóra de Baiona. Ademais, tamén resulta paradoxal que este goberno local gaste unha importante cantidade de diñeiro en crear unha marca turística que agora non difunde e que unicamente utiliza para os documentos oficiais sen que isto teña maior repercusión para a economía local”, engaden desde o PP.

“Estamos ante outro exemplo da falta de rumbo e de proxecto deste goberno a tres que o único que busca é permanecer custe o que custe nos despachos do Concello sen preocuparse o máis mínimo por Baiona, sendo a primeira vez que Baiona queda fóra deste evento tan importante para o presente e o futuro económico da nosa localidade”, sentencian os populares.