O Concello de Nigrán investiu 50.000 € para completar a plantación de arboledo no parque empresarial de Porto do Molle, o que implica a reconstrución dos alcorques, que se atopaban en moi mal estado. Así, adquiríronse 26 gingkos bilova para a rúa Xial e 15 liquidámbares para decorar a rotonda principal de acceso, na rúa das Pontes, en ambos casos xa de gran tamaño. Igualmente, os alcorques da rúa Lagares foron acondicionados con plantas de Photinia Red Robin.
“Este é un parque que precisamente destaca como exemplo de calidade e respecto medioambiental e que aporta moitos beneficios ao municipio; era unha actuación prioritaria, o noso compromiso é reverter neste parque boa parte dos beneficios que xera”, sinala o alcalde, Juan González. Neste sentido, o Concello apostou polo liquidambar e o gigko bilova, unhas árbores caducifolias moi resistentes que no outono collen unhas tonalidades espectaculares desde amarelo intenso a vermello. O liquidambar ten follas semellantes ás do arce e as do gingko, especie sagrada en Oriente e famosa por sobrevivir un á bomba de Hiroshima, teñen forma de bolboreta. “A súa presenza dará unha imaxe marabillosa ao parque, acorde ademais coa súa identidade”, subliña González.
O Concello iniciou no 2017 a reposición do arboledo porque os antes existentes, falsos pimenteiros, se atopaban en moi mal estado ou directamente non se conservaban, iniciándose a renovación con liquidámbares de gran porte.

