O Entroido de Baiona adiántase ao sábado 19 de febreiro

O Concello de Baiona adianta unha semana a celebración do Entroido. Aínda que a data oficial será o último fin de semana de febreiro, desde a Concellería de Cultura decidiuse adiantalo sete días para que a súa celebración non estea tan próxima á festa máis popular da vila, a Arribada, que este ano se celebrará o 4, 5 e 6 de marzo, e que tamén encherá de fantasía, neste caso medieval, as rúas da localidade. Deste xeito, o Concello de Baiona será un dos primeiros en levar a cabo esta celebración. O concurso de comparsas de Entroido terá lugar o sábado 19 de febreiro de 2022, con saída ás 17:00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para terminar no Paseo Ribeira.

O Concello de Baiona repartirá 6.500 euros entre as comparsas participantes distribuídos entre os seguintes premios: 1º premio 900 euros; 2º premio 650 euros, 3º premio 500 euros, 4º premio 400 euros e 5º premio 300 euros. O resto do montante repartirase entre as comparsas participantes no desfile e distribuirase en función do número de compoñentes. Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas no concurso que serán admitidas por rigorosa orde de rexistro de entrada.

Entre os requisitos para participar no concurso do Concello de Baiona atópanse: cada comparsa terá que estar composta por un mínimo de 12 persoas; participar no desfile organizado o sábado 19 de febreiro de 2022, así como participar no Enterro da Sardiña que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa. As comparsas que incumpran este requisito, serán penalizadas cun desconto do 20% sobre a cantidade que lle corresponda.

Para participar no concurso é preciso achegar a seguinte documentación:

  • Solicitude de inscrición segundo modelo no que debe figurar o nome da comparsa, número de membros que a compoñen, (o número máximo que se terá en conta é o que figure na solicitude, salvo que o número de participantes que figure na acta do desfile sexa considerablemente menor). Nome, DNI, dirección e teléfono do/da representante (de non ser unha asociación constituída) e nome, CIF, dirección e teléfono no caso de ser unha asociación legalmente constituída.
  • Copia do CIF da Asociación ou DNI dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
  • Certificado de conta bancaria da Asociación ou dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
  • Declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento dos deberes tributarios estatal, autonómica, seguridade social, Oral e co Concello de Baiona.

As comparsas interesadas en participar no Concurso de Entroido do Concello de Baiona poden presentar a solicitude oficial no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica http://baiona.sedelectronica.gal. O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte da publicación do extracto da convocatoria vía BDNS no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e até o 16 de febreiro de 2022. Toda a información necesaria para realizar a solicitude atópase dispoñible na páxina web oficial do Concello de Baiona: http://www.baiona.gal.