Nigrán dota o Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas dun área de xogos tradicionais

O Concello de Nigrán vén de ampliar o funcionamento do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón a todas as tardes de luns a venres ante a demanda deste servizo público municipal que o Concello creou no 2016 vencellado á súa política “Un Nigrán para todos”. Paralelamente, e vinculado a este aumento das sesións, o Concello o dotou a finais de ano dun xogo de petanca, outro de chave e outro de ra para que todos os usuarios xoguen os xoves ao aire libre nunha zona adaptada previamente para iso polos operarios municipais. “Temos dous grupos dunha ducia de persoas que acudían dous días á semana, agora virán tres días porque os xoves os xuntaremos para xogar”, explica a edil de Maiores, María Mayán, quen incide en que “era unha demanda das familias poder contar cunha terceira tarde para mellorar a conciliación”.

Segundo explican desde Afaga, empresa concesionaria deste servizo público municipal, este tipo de xogos tradicionais de lanzamento e precisión son especialmente recomendables para os maiores porque favorecen a socialización, a concentración, a motivación, a psicomotricidade e a propia memoria para seguir as normas establecidas. “Son xogos con fonda raíz na nosa cultura, o que xa de por si fai que lles motive especialmente, e ademais son ao aire libre, a opción máis segura sanitariamente a día de hoxe”, explica o alcalde, Juan González.

Recentemente quedaron vacantes, polo que as familias interesadas en solicitar praza deberán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán, tendo sempre prioridade os empadroados no municipio. Cómpre sinalar que a porcentaxe destas enfermidades na poboación maior de 65 anos é dun 1,83%, polo que na localidade existiría unha prevalencia de 323 habitantes.

“A crise sanitaria tivo un impacto especialmente significativo nas persoas con demencia, así como na súa contorna familiar e convivencial. As medidas de distanciamento social aceleraron o proceso de deterioro funcional e cognitivo, así como a sobrecarga da contorna familiar e convivencial”, indican desde Afaga. De feito, os propios resultados obtidos en Nigrán nos estudos de comparación entre as valoracións sociais pre/pos pandemia indicaban a necesidade de reforzar esta actividade de estimulación terapéutica.

“Son obradoiros de estimulación cognitiva indubidablemente beneficiosos para os usuarios pero tamén é importante destacar o efecto positivo na súa familia porque alivia parcialmente a sobrecarga dos coidados”, incide o rexedor, quen sinala este centro municipal situado no recinto do CEE de Panxón como un dos grandes piares do seu proxecto político “Un Nigrán para todos”.