Nace Lucenza-Ateneo de Nigrán para contribuír á dinamización sociocultural do municipio

O vindeiro venres, 28 de xaneiro, no Auditorio Municipal, ás 20:00 horas, presentarase ao público a asociación Lucenza-Ateneo de Nigrán, unha entidade integrada por veciñas e veciños do municipio que busca contribuír á dinamización sociocultural de Nigrán. O acto, ademais do seu carácter informativo, ofrecerá tamén música e poesía e se abrirá un tempo para o coloquio coas persoas asistentes.

Lucenza-Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán, que consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.

O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de converterse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, aportando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio.

Obxectivos

Lucenza quere contribuír modestamente, como unha entidade máis do municipio, á dinamización sociocultural de Nigrán, ao reforzamento da súa axenda cultural e a superación de certas eivas que aínda neste ámbito continúanse a padecer no municipio.

Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas, como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Club de lectura “Compartindo libros”.

Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe; a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego, a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.

Para a difusión das súas actividades, Lucenza ten en marcha un perfil en Facebook (www.facebook.com/lucenzaateneonigran).