José Miñones visita Delta Vigo en Nigrán e traslada aos empresarios que o Goberno é “o seu maior aliado”

O delegado do Goberno, José Miñones, trasladoulles este martes a representantes de empresas galegas que o Goberno é “o seu mellor e maior aliado” e que teñen “un papel fundamental” para o éxito do Plan de Recuperación do Goberno en Galicia. Nunha reunión en Vigo co grupo empresarial Vicus Gallaecia, acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, transmitiulles que “2022 ten que ser o ano de Galicia” e da súa transformación. “Imos traballar por iso e neste reto temos que estar todos a un tempo”, afirmou.

José Miñones visitou primeiro as instalacións de Delta Vigo no parque empresarial de Porto do Molle en Nigrán, referente do sector do automóbil e aeronáutico, xunto co seu presidente Francisco Javier Puga e representantes das empresas que forman o Grupo Vicus Gallaecia, cos que posteriormente mantivo unha reunión de traballo.

Neste encontro, o delegado destacou que Galicia está “ante unha oportunidade única” co Plan de Recuperación e o obxectivo é “que non se perda nin un euro” para que chegue ás empresas e a cidadanía galega. “Somos un Goberno de acción e xa vos digo que o meu obxectivo e o de todo o Goberno para este ano é aproveitar esta oportunidade, impulsar cada investimento, supervisar que se executa e que se logra o resultado desexado”.

Para este obxectivo, insistiu na importancia da cogobernanza e a “lealdade institucional” por parte da Xunta de Galicia. “Non me vou a cansar de apelar á colaboración entre administracións; ou aproveitamos esta oportunidade histórica e colocámonos á vangarda de España ou caemos ao fondo da táboa”, advertiu. Para iso, “é fundamental a implicación da Xunta”, que “ten que entender que o Plan de Recuperación non é unha cuestión partidista, que estamos a falar de Galicia”, polo que lle pide á administración autonómica que se coloque “á altura” do que está a facer o Goberno.

Investimentos históricos para Galicia

Neste sentido, José Miñones lembroulles aos membros de Vicus Gallaecia que o Goberno puxo en marcha investimentos en Galicia por 5.000 millóns de euros só en 2021, unha cantidade que sería equivalente ao orzamento investidor de toda unha lexislatura ou á metade do orzamento da Xunta. No Plan de Recuperación, o Goberno consignou xa á comunidade 680 millóns de euros en 2021, a maioría desta cantidade transferida ao goberno galego, e en 2022, adiantou, “a cifra de transferencias crecerá exponencialmente”. Por iso, advertiu de que a Xunta debe implicarse na execución destas partidas, para que non volva suceder o mesmo que noutras ocasións como o último Plan de Vivenda estatal 2018-2021, no que dos 82 millóns xestionados pola Xunta, 40 quedaron sen executar.

O delegado do Goberno destacou que “máis aló do ruído, estamos ante un Goberno estable, serio e que xestiona con diálogo e acordo”. Puxo en valor que é o primeiro goberno capaz de aprobar dous Orzamentos Xerais sucesivos desde 2014 e o primeiro en cumprir con Europa e en recibir os fondos do Plan de Recuperación, a pesar da pandemia e de non contar con maioría no Congreso. José Miñones repasou cos empresarios as súas principais demandas e os proxectos máis relevantes para Vigo e para Galicia e destacou tamén a relevancia do acordo con patronal e sindicatos para a reforma laboral.