O Vigo-Rías Baixas completa o seu persoal coa incorporación do segoviano Marcos García

A Copa de España será o primeiro gran reto en 2022 do Vigo-Rías Baixas e os oito fichaxes realizados durante os últimos meses pola estrutura que preside José Luis Chamorro cumpren co requisito de ser ciclistas sub25 establecido polo certame máis prestixioso do calendario estatal. A nómina de incorporacións do conxunto flúor a completa Marcos García. Este segoviano de 19 anos procede do Escribano Sports Team.

Natural de Navas do Riofrío, o oitavo reforzo do Vigo-Rías Baixas responde o perfil de escalador. “Gústame bastante subir xa que en Segovia temos pouco chairo”, chancea este corredor que durante a súa etapa como júnior deu mostras do seu potencial nunha rolda do máximo nivel como a Bizkaiko Itzulia. Máis aló das súas calidades, considérase “un ciclista de equipo, gústame formar parte dun grupo. Penso que estando a gusto e encaixando, un pódese espremer moito máis cando toque remar a favor do colectivo ou para achegar presenza en carreira e resultados”.

A pasada campaña Marcos García estreouse como sub23, un debut na categoría que non o deixou satisfeito e que confía en mellorar vestido de flúor: “O Vigo-Rías Baixas ofréceme esta oportunidade e a confianza para facer un bo 2022. O ano pasado non dispuxen do calendario necesario para coller un bo ritmo de competición. Esta tempada darei o 110% para que o nome do equipo siga sendo un referente no mundo do ciclismo e, sobre todo, dando guerra da boa en cada carreira”.

Os outros sete corredores que recalaron na formación que en 2021 liderou o Clasificación Elite estatal son os galegos Martín Rey e Ramón Fernández, o portugués Joao Leite, o asturiano Martín Barrero, o castelán leonés Cristino Lanchas, os catalán Marcos Navarrete e o venezolano Yurgen Ramírez.

Sen pechar a porta a algunha fichaxe de última hora, o persoal do Vigo-Rías Baixas xa está definida para empezar a competir no calendario estatal a principios de febreiro. Será a décima tempada da escuadra olívica no pelotón Elite-Sub23.