Flamanville bautizou ao gondomareño Ricardo Buba na Copa do Mundo

Unha semana despois de acumular medallas no Campionato de España, a Selección de Galicia de Ciclocrós viviu outra xornada para o recordo. Tres ciclistas autonómicos debutaron este domingo na Copa do Mundo. O júnior Ricardo Buba, a júnior Laura Mira e o sub23 Miguel Rodríguez nunca se esquecerán da localidade francesa de Flamanville e da experiencia que supuxo a súa estrea no certame máis importante do “planeta CX”.

Na rexión da Baixa Normandía, nun circuíto moi húmido e esvaradío, o primeiro corredor do combinado dirixido por Alberto del Río que entrou en acción foi o flamante campión estatal júnior. Ricardo Buba, cunha edición especial do uniforme da Selección de Galicia co distintivo de campión de España, saíu dende a primeira liña na grella de saída. Co neerlandés David Haverdings marcando a pauta case que de principio a fin, o gondomareño completou a primeira das cincos voltas na 18ª posición e rematou a proba no 22º posto, a 4:32 do gañador. Este resultado outórgalle 4 puntos UCI.

A décimo cuarta e penúltima xornada da Copa do Mundo continuou coa carreira júnior feminina. A subcampioa estatal Laura Mira, 18ª á conclusión do primeiro dos cinco xiros, finalizou 25ª. A porriñesa cruzou a liña de meta a 6:15 da vencedora Leonie Bentveld (Países Baixos) e sumou un punto UCI.

De pechar a participación galega en Flamanville encargouse o sub23 Miguel Rodríguez. Terceiro o pasado domingo no Campionato de España, a posición do ponteareán pouco variou durante as seis voltas: do 23º posto no primeiro parcial ao 25º na clasificación final, o que lle concede un punto UCI. O gañador da Copa de España sub23 desta campaña cedeu 4:54 respecto ao belga Emiel Vestrynge, que se fixo coa vitoria nun igualado duelo con Ryan Kamp (Países Baixos).

A UCI Cyclo-Cross World Cup despedirase por esta temporada o vindeiro domingo no circuíto neerlandés de Hoogerdeide. Alí estarán Laura Mira e Miguel Rodríguez competindo nas probas elites debido á suspensión das súas categorías pola COVID, mesmo motivo que impide a participación de Ricardo Buba ao cancelarse a carreira júnior. Será a última cita do calendario internacional previa ao Mundial, que se celebrará o 29 e o 30 de xaneiro en Fayetteville (Arkansas, EEUU).