
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra, David Regades, mantivo hoxe un encontro coa militancia de Baiona para darlle traslado do seu proxecto socialista para a provincia. Fíxoo coincidindo co ecuador da súa campaña e tras visitar ás agrupacións de case a metade da provincia.
David Regades, que insistiu no seu discurso na importancia da integración e da unidade dos 2.500 militantes que o PSdeG-PSOE ten na provincia, puxo as administracións gobernadas polos socialistas como exemplo do traballo ao servizo do conxunto da cidadanía da provincia e nesta liña convidou á militancia a mobilizarse para que este xeito de goberno se poida implantar tamén na Xunta de Galicia.
En canto á influenza da Zona Franca na contorna David Regades facilitou varios datos: a inminente implantación de novas empresas nos municipios da área; a creación de 1.100 novos postos de traballo nos últimos tres anos e a consolidación de 45 empresas no mesmo período de tempo. “Iso é traballar pola igualdade, porque si hai algo que nos iguala a todos é, primeiro a educación, e despois ter un salario que garanta a nosa autonomía e a nosa independencia”, engadiu
O candidato ás Primarias expuxo con detalle o seu programa para a provincia no que o municipalismo é a pedra angular e o empoderamento da militancia, cun protagonismo especial para as agrupacións pequenas, a prioridade.
Avanzou que continuará coas xuntanzas periódicas coas agrupacións, despois de reunirse con todas as da provincia antes do vindeiro día 23; que creará unha caixa de correo de participación para a militancia así como xornadas de formación e asesoramento e adiantou que manterá a celebración anual do socialismo: a Festa da Rosa.
No eido da igualdade David Regades contempla a creación dun observatorio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a posta en marcha dunha escola de formación feminista e a programación de ciclos de debate feminista.
O candidato ás primarias na provincia convidou á militancia a mobilizarse e implicarse socialmente, para facer aínda máis forte o proxecto socialista e gañar as vindeiras eleccións autonómicas.