Podemos Nigrán insta ao Concello a solicitar un cribado para a poboación do municipio

Dado que a incidencia acumulada nos últimos 14 días no municipio de Nigrán supera os 500 positivos por 100.000 habitantes, a formación local de Podemos considera que é necesario un cribado masivo para previr os contaxios de Covid-19 por parte de persoas asintomáticas e desta forma cortar a cadea de transmisión entre a cidadanía.

Podemos Nigrán manifesta que as probas de autodiagnose non mostran a cantidade real de casos positivos e que estes test deberían ser realizados por profesionais e custeados pola Xunta. “Esta nova forma de xestionar a epidemia de Covid-19 por parte do Sergas é, se cabe, aínda máis catastrófica cas anteriores, tendo xa consecuencias negativas na saúde pública e na economía”, apuntan.

Por todo iso a agrupación local solicita ao Concello de Nigrán que esixa ao Sergas probas masivas para a poboación nigranesa.